Nace Titiriberia, o primerio festival de monicreques tradicionais do Estado

Hoxe presentouse en Teo Titiriberia, o primeiro festival a nivel de Estado que se centra nos títeres tradicionais. Terá lugar do 7 ao 9 de decembro neste concello. 

cartaz_titiriberia_peq
photo_camera Extracto do cartel de Titiriberia

O evento, que organiza a Asociación Cultural Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Teo e da Deputación da Coruña, achega a esta localidade un total de dez representacións de sete obras diferentes ademais dunha exposicións, mesas redondas, obradoiros e outras actividades.

O festival foi presentado esta mañá polo alcalde de Teo, Rafael Sisto; a concelleira de Cultura, Pilar Pérez Faxil, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e mais Anxo García, presidente da asociación cultural Morreu o Demo, que sinalou que Titiriberia supón “un paso importante no proceso de recuperar, coñecer e actualizar estes títeres”, e lembrou que a Asociación Cultural Morreu o Demo “leva xa un tempo a traballar na recuperación do títere tradicional galego, do que Barriga Verde é o exemplo máis coñecido e, antes que el, os Cristovos”.

O festival pretende “reivindicar a súa vinculación cos títeres tradicionais que, a partir de Pulcinella, en Nápoles, se espallaron por toda Europa”

Nesa liña, o festival pretende “reivindicar a súa vinculación cos títeres tradicionais que, a partir de Pulcinella, en Nápoles, se espallaron por toda Europa”. García insistiu en que o obxectivo da asociación a medio prazo é que “Barriga Verde volva a xurdir, se coñeza se actualice e se adapte ás novas circunstancias. Pretendemos que volva pasar por toda Galiza como facía nos anos 40, 50 e 60” e sinalou como “un fenómeno curioso, que dí moito de Galiza, o feito de que fose este o único lugar onde chegou a desaparecer un destes personaxes”, a lembrar que, desde os anos 60 e ata o actual proceso de recuperación, Barriga Verde deixou de estar presente nos escenarios. 

O encontro achegará a diferentes localidades do concello un total de dez funcións de sete obras diferentes e múltiples actividades  sobre estes espectáculos populares. Personaxes da familia de títeres europeos como o Pericu catalán, os Robertos portugueses ou o Don Cristóbal andaluz e, por suposto o Barriga Verde galego, daranse cita nun programa que inclúe tamén unha exposición, conferencias e mesas redondas.