Nace o Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado

Dotado con 2.000 euros, poden presentarse até o 25 de febreiro obras inéditas de tema libre, en calquera medio ou soporte, dirixidas ao público infantil
Manuel García Barros. (Foto: Galaxia)
photo_camera Manuel García Barros. (Foto: Galaxia)

O Concello da Estrada, xunto coa Editorial Galaxia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta da Galiza, veñen de convocar a primeira edición do Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado, cunha dotación económica de 2.000 euros. Poden optar a el obras inéditas de tema libre, en calquera medio ou soporte, dirixidas ao público infantil.

O texto debe estar en lingua galega, seguindo a normativa oficial estabelecida pola Real Academia Galega. Este pode presentarse xa incorporado á parte gráfica ou por separado.

Neste senso, enténdese como álbum infantil o conxunto de texto e ilustración, no que escrita e imaxes serán valoradas en conxunto. Os orixinais deben ter unha extensión mínima de 24 páxinas e máxima de 56.

O prazo de admisión estará aberto até o 25 de febreiro. De seren dúas ou máis as persoas gañadoras, a contía do gañador repartirase equitativamente entre todas elas. O álbum premiado verá a luz de man de Galaxia.

Homenaxe a Manuel García Barros

O premio nace co nome de Alberte Quiñoi, unha das personaxes máis populares que creou o maxín do autor estradense Manuel García Barros (1876). Mestre e labrego de Berres (A Estrada), foi fundador e director do xornal El Estradense  (1906), onde asinaba co pseudónimo Ken Keirades os seus artigos anticaciquís.

Debido ás súas ideas galeguistas e progresistas, tivo problemas coa xustiza, chegando a ser encarcerado en varias ocasións, coincidindo na prisión de Pontevedra con Fernández del Riego en 1955. As Aventuras de Alberte Quiñói viron a luz de maneira póstuma, se ben rematou de escribilas en 1942.

Comentarios