Nace erregueté, a nova cara da Revista Galega de Teatro

A Revista Galega de Teatro, agora erregueté, inaugura equipo, deseño e nome sen renunciar á esencia dun proxecto que naceu hai máis de trinta anos. O acto de presentación terá lugar nesta quinta feira, 17 de novembro, ás 20.30 horas na Sala Ártika de Vigo

rgt_convite

Sae á rúa o número 87 da Revista Galega de Teatro (RGT) e faino cun novo deseño, nome e equipo. A RGT, agora transformada en erregueté, continuará coas súas seccións habituais mais, como novidade, recuperará a sección de Banda Deseñada con “A Pataca Quente de Rubina Kenéve” e tamén incorporará un novo espazo de creación baixo o nome de “Ruxerruxe”.

erregueté é unha publicación trimestral dedicada á difusión das artes escénicas, editada pola Asociación Cultural Entre Bambalinas, e especializada en dramaturxia galega. O novo número que acaba de saír á rúa presenta entre os contidos destacados unha entrevista co director teatral Oskaras Korsunovas e a edición en galego de A obediencia da muller do pastor, de Sergio Martínez Vila, gañador do XL Premi Born de Teatre.

O acto de presentación da revista erregueté terá lugar na quinta feira, 17 de novembro, ás 20.30 horas na Sala Ártika de Vigo. O lanzamento contará coa intervención do novo equipo de dirección, conformado por Vanesa Sotelo (Directora), Manuel Xestoso (Subdirector) e Roberto Pascual (Secretario), xunto coa presenza de Antón Lamapereira, Presidente do Consello Editorial da publicación, e do Deputado Provincial de Cultura, Xosé Leal. A creadora María Roja completa o programa da presentación coa intervención Facerse a morta no medio do corredor. Para pechar o evento e festexar a ocasión, contan cunha actuación musical sorpresa e un brinde con viño.

Comentarios