Música, poesía e arte regresan a Muimenta da man da mocidade

A primeira edición de Pozomouro tivo lugar en 2019, mais a pandemia non permitiu que se realizase a segunda edición até este ano. O festival dará comezo ás 11.30 horas cunha ruta polo río á que seguirá unha sesión de biodanza con Naiara. 

Edición de Pozomouro en 2019.
photo_camera Edición de Pozomouro en 2019.

O vindeiro sábado, 3 de setembro, comeza na Área Recreativa Ribas do Miño, en Muimenta, no concello de Cospeito, o festival cultural Pozomouro. Esta iniciativa sociocultural, promovida pola mocidade de Muimenta e organizado pola Asociación Cultural Avelino Iglesias Alvariño, pretende dinamizar o eido cultural da contorna e crear un espazo onde se dea visibilidade a proxectos artísticos de todo tipo. 

A primeira edición de Pozomouro tivo lugar en 2019, mais a pandemia non permitiu que se realizase a segunda edición até este ano. O festival dará comezo ás 11.30 horas cunha ruta polo río á que seguirá unha sesión de biodanza con Naiara. 

A hora do vermú estará tinguida polos ritmos galego-latinoamericanos de Catuxa Salom. E a tarde estará ateigada de diferentes pozos -como lle chaman desde o festival aos distintos obradoiros artísticos e de lecer- sobre ilustración, circo, artesanía e musica, este último impartido polo músico artesán Sito Carracedo e Roi Adrio. Coa luz do luscofusco chegará a hora da poesía, e subirán ao escenario Rochi Nóvoa, Rafa Lobelle e Daniel Irimia, deixando cara ao final un espazo aberto á improvisación do público. 

Ademais, a asociación, preocupada polo territorio e a natureza, tamén inclúe dentro do programa do festival un coloquio sobre minas e eólicos, no cal participarán Margarida Prieto, Xoán Doldán, Nery Díaz e Andrés Castro. 

A xornada rematará con tres concertos a cargo de Sofía Espiñeira, con música de raíz; Brazil Love Affair, funky brasileiro, e Pillaband's, folk fusión. O DJ Um Sincero porá o punto final á xornada musical. 

A entrada ao festival é de balde, e contará tamén cunha zona habilitada para a acampada e haberá postos de venda de comida, incluídas varias opcións vexetarianas e sen glute. 

Comentarios