Música negra para recibir o outono

Judith Hill abre o Outono Códax no Auditorio de Galiza o día 11 de novembro. (Foto: Medill DC)
Un cartel de luxo confluirá na capital galega a partir do 11 deste mes

O número 11, este ano, leva a Nova Orleans. A partir do 11 de novembro e até o 11 de decembro, o Outono Códax sobe ás táboas 11 propostas que inclúen jazz, swing, blues e soul, centrando a ollada na cidade de Luisiana. O cartel desta decimo primeira edición do festival de música negra de Compostela promete facer da cita un dos acontecementos musicais da tempada. 

Desde Nova Orleans chegan, en exclusiva para o festival, Aurora Nealand & The Royal Roses, unha banda liderada por unha das saxofonistas más destacadas da nova escena musical da cidade. O clarinetista e escritor Tom Sancton, que participará como convidado no concerto de Aurora Nealand e que participará  na charla temática que terá lugar o 11 de decembro, tamén procede da cidade estadounidense.

O Auditorio de Galiza será o escenario do concerto de apertura, un dos pratos fortes do evento: a cantante Judith Hill, unha das grandes voces do soul contemporáneo. Corista habitual de Stevie Wonder, Chacka Khan ou George Benson, Prince tomouna da súa man durante os dous últimos anos da súa vida converténdoa na súa corista principal e producíndolle o seu primeiro disco, Back in time. Hill chega ao Outono Códax, no marco da xira de presentación do seu último disco Baby, I’m Hollywood.

Buscando as pontes que unen a esencia de Nova Orleans con Santiago de Compostela, a presenza galega vén presidida por The Carlos Childe Band (con estreitos vínculos coa cidade), que presenta o seu terceiro disco, Where Y’at (unha expresión local de Nova Orleans que se utiliza coloquialmente como saúdo).

O guitarrista Víctor Aneiros (Ferrol, 1960), cunha longa traxectoria no blues e oito discos editados, xúntase agora coa que fose cantante da Big Bottom Band, Paula Martins, para crear Martins Aneiros Band. A banda tocará coa cantante de blues Izo FitzRoy, que chega ao Outono Códax para presentar o seu novo álbum How The Mighty Fall

Néstor Pardo chega ao Outono Códax 2021 para presentar o seu último proxecto persoal no que mestura a música africana, os espirituais e o gospel. 

E The Allnight Workers, reúnense nove anos despois da súa disolución para pechar o festival. No seu día foron definidos como un “supergrupo de rhythm and blues salvaxe aderezado con jump blues e swing”. Pero cando estaban en plena fase de expansión grazas ao seu segundo disco decidiron disolverse.

O festival presentará tamén actuacións do carismático bluesman Big Daddy Wilson -músico procedente de Carolina do Norte, aínda que estabelecido en Alemaña-, do combo madrileño Nola Brass Band -que presentarán a música de Jimi Hendrix adaptada para orquestra brass- e de Theo Lawrence, un músico, cantante e compositor franco-canadiense que representa a mestizaxe de culturas e sonoridades símbolo da cidade de Luisiana.

A programación do Outono Códax 2021 completarase cunha charla temática en torno á escena musical de Nova Orleans na que intervirán expertos da talla de Aurora Nealand, Carlos Childe, Jacobo Rivero ou Tom Sancton, unhas xornadas gastronómicas de cociña cajún (a propia desa zona dos EEUU), a presentación de dous libros, cinco sesións pinchadas e tres catas de viño coa maridaxe de outono.

Conexión directa entre a Galiza e Nova Orleans

O guitarrista galego Carlos Childe comezou a tocar jazz tradicional de Nova Orleans tras visitar a cidade por vez primeira en 2015, convidado polo trompetista Will Smith (compoñente da Preservation Hall Jazz Band) e o percusionista Kerry Hunter, e namorarse do son dese estilo de música. Desde entón leva vivindo a cabalo entre Luisiana e Europa, tocando co seu proxecto en locais do French Quarter (o coñecido Barrio Francés de Nova Orleans) e colaborando con músicos da cidade.