A música de Fuxan os Ventos volveu soar con forza en Lugo

Maite Ferreiro entregando un ramo de flores a unha das integrantes de Fuxan os Ventos, este 5 de xuño en Lugo. (Foto: Nós Diario)
A histórica formación actuou no auditorio que leva o seu nome.

A música tradicional galega volveu soar con forza no Auditorio Municipal de Lugo, que leva o nome do grupo Fuxan os Ventos, nun concerto que marcou o regreso desta emblemática formación aos escenarios. O concerto desta quinta feira foi o primeiro dunha serie de tres actuacións que permitirán gozar de máis de medio século de historia musical.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, destacou a importancia desta xornada, na que a veciñanza puido reencontrarse cunha das grandes referencias da música galega. "Hoxe volveremos escoitar as letras tradicionais das e dos nosos poetas, ademais das nosas cantigas, mesturadas con dous dos nomes máis relevantes da nova escena musical galega”, afirmou Ferreiro, en referencia ás colaboracións coas voces de Faia e De Ninghures.

Fuxan os Ventos naceu no ano 1972 a partir da unión dun grupo de rapaces e rapazas que cantaban no coro do Colexio Menor do Santísimo Sacramento de Lugo. O seu primeiro nome, Folk72, foi deixado de lado despois de gañar o primeiro premio no III Festival Musical das San Lucas de Mondoñedo co tema "Fuxan os Ventos".

A agrupación chegou a ter máis de 30 integrantes, estando formada actualmente por Antón Castro á zanfona, mandolina e voz, Xosé Vázquez á percusión e voz, Pedro Lucas na gaita, frautas e voz, Xoán Fuentes Saavedra no violín, guitarra, bouzuki e voz, Moncho Díaz na guitarra, frautas e voz, ademais das voces de Carmen Vázquez, Tareixa Novo, Maruxa Fociños e Alfonso Fernández.

Con dez discos gravados entre 1976 e 2009, Fuxan os Ventos mantivo durante toda a súa carreira un alto compromiso social, chegando a toda a sociedade galega con mensaxes comprometidas coas distintas problemáticas das galegas e galegos, apostando tamén pola defensa da lingua.