Cultura

Música para o confinamento: as 7 cancións de Cris Iglesias, actriz

Cris Iglesias (Sergio Lardíez/O Rocho).
Propoñemos a persoas con diferentes perfís que partillen coas lectoras de Nós Diario sete cancións para escoitar nestes días de quedar na casa pola crise do coronavirus. 

Chegamos ao final desta experiencia de música para o confinamento coa actriz Cris Iglesias como convidada. Con ela facemos un percorrido dunha semana, a modo de diario, cunha canción para cada día na casa para quedarnos co importante. 

Entre os seus últimos traballos figuran a serie Auga Seca, unha coproducción galego-portuguesa, a curta 16 de decembro, de Álvaro Gago, e mais o filme Eroski Paraíso, de Jorge Coira, baseada na peza teatral da compañía Chévere. 

SEGUNDA FEIRA

"You gotta Be. Porque todo é cuestión de actitude e este tema noventero de Des'ree é un bo motivo para comezar a semana"

TERZA FEIRA

"Guadi Galego é unha sorte que temos na Galiza. A pesar da dureza dos tempos, estamos Cheas de vida! Sempre!"

CUARTA FEIRA 

"Varios dos meus amigos, compañeiros de vida musical durante anos, emigraron a Holanda. Alí formaron o grupo Mamihlapinatapai (si, podes volver ler o nome) esencia galega polo mundo, amigos loitadores, eles teñen Galiza moi presente, aquí Chove sempre e nós botámolos de menos"

QUINTA FEIRA 

"Dá igual que se achegue a finde… Eu Non quito o chándal neste confinamento, e ti seguro que tampouco. Novedades Carminha arranxa calquer día e non só por seren boa xente"

SEXTA FEIRA

"Desde a túa casa ou onde queira que esteas, non esquezas que nós temos o poder. People have the power de Patti Smith, unha das miñas grandes referentes"

SÁBADO 

"Non pode faltar Freedom de George Michael, porque si, gústanme moito os clásicos 90´s e desde que vin o grande espectáculo Shock de Andrés Lima o ano pasado, este tema cobrou ainda máis importancia no meu día a día para darme moita enerxía. Penso nos meus compañeiros de Fariña, o espectáculo, cando nos dispoñemos a saír a escena e sempre esbozo un sorriso"

DOMINGO 

"Uxía e Narf levan anos acompañándome nesas noites de sono difíciles. Porque quen puidera agora marchar a Zemambiquo por un tempo, Narf. A súa nana non entende de idades e a poesía feita música cura sempre"

E aquí a listaxe para escoitar as cancións: