A música antiga vólvese interpretar nas ruínas do Santo Domingo en Pontevedra

O ciclo do Museo de Pontevedra desenvólvese no convento os días 2 e 9 de xullo coas formacións L'Unisoni e La Danserye, respectivamente.
LA DANSERYE2
photo_camera Os integrantes de La Danserye durante unha actuación. (Foto: Nós Diario)

As próximas sextas feiras, 2 e 9 de de xullo, o Museo de Pontevedra retoma o ciclo “Noites de música antiga, que logo de varios anos noutra localización retorna ás ruínas do convento de Santo Domingo.

Deste modo, van ser as bóvedas, os arcos e os muros deste edificio os que acollan os concertos de L’Unisoni e La Danserye, “dous conxuntos de acreditado nivel artístico cos que as persoas asistentes viaxarán ao refinamento da música veneciana e á corte imperial dos Austrias españois”, explican desde o Museo.

O concerto de L’Unisoni, o 2 de xullo ás 21 horas conta coas intérpretes Esperanza Mara Filgueira, na voz, Jorge Montes, co violino barroco, Uxía Delgado, coa guitarra barroca e mais a tiorba e Pablo Ruibal, coas violas da gamba soprano e baixo.

O seu recital estará composto por unha selección de obras mestras da autora veneciana do XVII Barbara Strozzi, arias e cantatas, que se mesturarán con outras obras do mesmo século.

No concerto de La Danserye, o 9 de xullo tamén ás 21 horas, intervirán os irmáns Pérez Valera (Fernando, Juan Alberto, Luís Alfonso e Eduardo) que farán desfilar polo escenario cornetas, corneta muda, sacabuches, orlos, rackettes, frautas doces, chirimías, baixonciños, trompeta natural e mais baixóns. Xunto a eles, José Gabriel Martínez acompañaraos coa percusión e xuntos tentarán recrear a música da Corte de Felipe II.

O programa céntrase especialmente na colección de danzas a catro partes, publicadas por Tielman Susato en 1551, en Anveres, "cidade na que Susato, foi o encargado de organizar os actos musicais con que a cidade recibiu ao príncipe", apuntan.

Samuel Diz co concerto 'Álbums de guerra'

O vindeiro 29 de xuño, o edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolle o concerto do guitarrista clásico, Samuel Diz. Baixo o título "Álbums de guerra: músicas para unha exposición", o músico quere integrar o discurso expositivo da colección permanente do Museo, e composta por un conxunto de obras vinculadas coa Guerra Civil, a represión franquista e mais o exilio.

O tudense Samuel Diz, intérprete e investigador da música dentro da Xeración do 27 e mais do exilio republicano do Estado español, relaciona as obras que se acaban de expor no Museo de Pontevedra coas partituras de Xesús Bal y Gay, Rosita García Ascot, Simón Tapia Colman e tamén coa inédita “Suite para guitarra” de Isidro Buenaventura Maiztegui, que se estrea, precisamente, neste evento.

Comentarios