O mundo da música concentrarase na CRTVG pola eliminación de “Planeta Furancho”

O mundo da música non vai ficar en silencio diante da eliminación da programación da Radio Galega Música do programa “Planeta Furancho”. Convocan unha concentración para este sábado diante das instalacións da CRTVG en San Marcos ás 21.30 horas. 

vituco

Tan só tres días despois de que o director xeral da CRTVG Alfonso Sánchez Izquierdo defendera a compañía como plataforma de divulgación da música galega vaise atopar nas portas de San Marcos cunha concentración do sector esixindo que se repoña “Planeta Furancho” que veñen de eliminar da grella de programación da Radio Galega Música. 

A convocatoria vén do propio sector que están a difundir a noticia e convidar a participar na protesta co obxectivo de mostrar o seu rexeitamento a eliminación do dirixido por Vituco Neira e esixir a súa reposición “por ser o único que apoia e programa música galega”. Lembran tamén que o espazo radiofónico mereceu un os Premios da Música no ano 2014. 

Pancartas, disfraces e.... música

A concentración desenvolverase ás 21.30 da noite en Bando, San Marcos, este sábado día 23 de maio. Anuncian tamén que se realizará unha asemblea e decidirán novas accións de protestas. Solicitan que se leven pancartas, instrumentos, potas, pitos e disfraces. 

Na páxina da CRTVG continúa aínda a descrición do programa que definen como “altofalante para a música galega contemporánea; un faro, unha axenda e un latexo diario e actual de todo canto acontece na nosa fascinante realidade musical”. 

Comentarios