As mulleres protagonizan o palmarés de Cineuropa
O palmarés da 33ª edición de Cineuropa, escollido polo propio público do festival, deixa cinco filmes galardoados, un en cada sección: Dronningen, Papicha, Un día más con vida, La llorona e For Sama. Tres dos cinco están asinados por mulleres e en catro, elas son as protagonistas, como resultado dunha edición que apostou polo peso feminino diante e detrás das cámaras.
Cineuropa deu a coñecer na tarde da pasada terza feira 26 de novembro a decisión do público en canto aos premios do festival. Cinco filmes por cada unha das categorías a competición, que por vez primeira poderán ser vistas poos que non puideron sistir ás súas proxeccións.
No panorama internacional, Cineuropa galardoa a coprodución entre Alxeria, Francia e Bélxica Papicha, con 8,35 puntos. A realizadora Mounia Meddou narra a historia dunha muller que, na Alxeria de 1997, durante a Guerra Civil, decide loitar pola súa liberdade nunha sociedade cada vez máis conservadora.
Latidoamericano outorgou o recoñecemento a La llorona con 7,46 puntos, un drama do Guatemalteco Jayro Bustamante que foca a atención na historia de vinganza de Alma contra Enrique, un xeneral retirado que é absolto por un xenocidio que si cometeu. O realizador, afirmaban desde a ornización, «convoca a figura de La llorona con lóxica incontestábel» para facer xutiza poética cun asasino que «sae ileso dos xulgados pero non así do plano espectral».
Xurado Novo
Por outra bando, na gala de clausura do festival tamén se deu a coñecer o palmarés outorgado polo Xurado Novo, coas categorías de mellor filme, dirección, guión e intérpretes.
Zombi child foi considerada como mellor longametraxe desta edición, mentres Abbas Fahdel foi mellor dirección polo seu traballo en Yara.
Kristina Grozeva e Petar Valchanov levaron o premio ao mellor guión polo texto de Bashtata (The father).
En canto á interpretación, Mariana di Girolamo foi recoñecida como mellor actriz polo seu papel protagonista en Ema. Alessandro Antonelli e Pietro Orlando obtiveron ex aequo o galardón equivalente na categoría masculina polo documental Selfie.
Outra oportunidade
Por primeira vez, o festival Cineuropa non remata coa súa gala de clausura. A nova dirección, a cargo de Laura Seoane, decidiu ofrecer este ano unha oportunidade para que o público compostelán vexa os filmes gañadores.
De tal xeito, na cuarta feira 27 de novembro proxectaranse no Teatro Principal as gañadoras das seccións internacional (Papicha, ás 20 horas) e europea (Raíña de corazíbs, ás 22 horas).
A quinta feira 28 de novembro poderase ver a vencedora da sección de animación no Teatro Principal (Un día más con vida, ás 17 horas), mentres que no Salón Teatro acollerá as premiadas nas categorías de cinema latinoamericano (La Llorona, ás 19 horas) e documental (For Sama, ás 21 horas).
A entrega do premio a Emma Suárez porá o broche final á 33ª edición do festival.