'Motel Valkirias' enlaza a produción audiovisual galega e a portuguesa
As produtoras CTV (a Galiza) e SPi (Portugal) estrearán o vindeiro 1 de marzo unha nova colaboración audiovisual rodada en galego e en portugués.
Motel Valkirias poderá verse na súa versión orixinal na plataforma de streaming dixital HBO Max.
Motel Valkirias é un western fronteirizo, situado entre Galiza e Portugal, protagonizado por tres mulleres que se atopan nunha situación límite. Segundo o seu creador, Ghaleb Jaber Martínez, "non fixemos unha seria para o algoritmo, senón para as persoas".
Desde a produtora galega CTV cren máis "na calidade que no éxito". "Que a nosa serie poida estar ao lado de títulos como Os Soprano ou The Wire é unha honra", engade Jaber Martínez.
Western fronteirizo
A serie aposta por "unha trama, cociñada a lume lento, onde tres mulleres loitan por recuperar o control das súas vidas mentres forxan unha grande amizade".
Motel Valkiria está protagonizada por María Mera (O sabor das margaridas), Marina Mota (Para sempre), Maria João Bastos (A Rainha e a Bastarda) e o gañador dun Goya Chechu Salgado (Fariña).