A Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas fai 30 anos este agosto

O popular evento decorrerá, no marco do Festival de Pardiñas, en Guitiriz, os días 5 e 6 do vindeiro mes.
Cartaz da Mostra de Pardiñas.
photo_camera Cartaz da Mostra de Pardiñas.

A Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas alzanza os 30 anos na edición deste 2023, que se organizará os días 5 e 6 de agosto no ámbito do Festival de Pardiñas, en Guitiriz (Terra Chá), con espectáculo e obradoiros de bailes, danzas e xogos bailados.

A programación da Mostra de Instrumentos foi presentada esta sexta feira nunha rolda de prensa realizada no Auditorio do Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. Na presentación participou o presidente da Asociación de Gaiteiros de Galicia, Xaneco Tubío, e o promotor do Festival de Pardiñas, Alfonso Blanco.

Tubío subliñou que a Mostra "é, hoxe en día, o corazón e a alma do Festival de Pardiñas". Entre as novidades, o presidente da asociación destacou que este ano a Mostra arrincará ás 11.30 horas, como nas primeiras edicións.

Ademais, outra novidade é que as sesións vermú, que decorrerán ás 13 horas do sábado e do domingo, contarán con presentacións de músicas vascas, no primeiro día, e de música catalá, no segundo.

Xaneco Tubío explicou que esta iniciativa ten a intención de "pór en valor non soamente a nosa música tradicional, senón tamén a dos vascos e os cataláns, xa que compartimos con eles o feito de ser culturas diferenciadas no Estado e maioritarias nos nosos locais", ademais da "amizade".

Pola súa parte, Alfonso Blanco sinalou que o evento se denomina Feira e Festa da música e da arte porque busca "un pouco que cada un e cada unha, en Pardiñas, acheguémonos á nosa creatividade".

Blanco tamén destacou que a "mostra de artesás de instrumentos de música tradicional é unha proba de que realmente" a cultura, a lingua e a música galega "seguen tendo creadoras e creadores desde hai tempo" que "non queren que se perda". A Mostra de Instrumentos contará con presentacións de gaitas, zanfonas, pandeiretas, pandeiros, birimbaos e frautas, tambores, cordas e ventos.

Comentarios