A mostra sobre Ánxel Casal chega a Compostela

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal acollerá a exposición 'Ánxel Casal, 125 con Nós' desde o próximo día 12 de xaneiro e até o 11 de febreiro,
Detalle da mostra sobre o editor nacionalista Ánxel Casal (Nós Diario).
photo_camera Detalle da mostra sobre o editor nacionalista Ánxel Casal (Foto: Nós Diario).

A Asociación Cultural Ánxel Casal de Arzúa e a Federación Galiza Cultura levarán até Compostela a exposición 'Ánxel Casal, 125 con Nós'. A proposta inaugurouse na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Arzúa o pasado 17 de decembro, coincidindo co aniversario do nacemento do propio Casal. Agora chega a Compostela e poderá visitarse na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal desde o próximo día 12 de xaneiro e até o 11 de febreiro, sempre no horario habitual da instalación. 

A exposición, que foi pensada e deseñada para ver a luz en 2020 e adiada como consecuencia da pandemia, repasa as diferentes etapas da vida de Ánxel Casal.

Comeza na súa infancia na Coruña, a súa adolescencia na emigración, o seu apego á aldea do seu pai e o primeiro ensino en galego até mostrar o seu traballo cultural, literario e político. 

Campaña polas Letras Galegas para Casal

A mostra forma parte da campaña que a Asociación Cultural Ánxel Casal está a levar a cabo para que Casal sexa homenaxeado no Día das Letras Galegas, un recoñecemento que, aseguran desde a entidade, "merece como persoa impulsora do libro galego de seu, como editor, impresor, administrador e distribuidor do libro galego moderno".

Ademais sinalan que Casal foi un "traballador incansábel da cultura galega, creou a editorial onde a creación literaria e gráfica galega puido expresarse moderna e mostrar orgullosa ao mundo o seu potencial".

Argumentan que "sen o traballo de Casal dificilmente coñeceriamos moitas das obras de Wenceslao Fernández Flórez, Otero Pedraio, Blanco Amor, Ramón Cabanillas, Castelao, Carvalho Calero, Ramón e Antón Vilar Ponte, Vicente Risco, Maside ou Seoane, entre outros". 

A Asociación Cultural Ánxel Casal de Arzúa renaceu en setembro de 2019, despois de varios anos de inactividade, coa idea de  comezar unha campaña de actividades coa perspectiva posta no 125 aniversario do nacemento Casal en 2020.

Neste tempo realizaron roteiros e presentaron obras audiovisuais como o documental Reboiras, acción e corazón de Alberte Mera, coa presenza do director, da actriz arzuá Lidia Veiga e co actor, tamén de orixes arzuás, Daniel Celester.

Comentarios