Obituario

Morre a cantante Tina Turner aos 83 anos

A 'raíña do rock' finou esta cuarta feira após padecer unha longa enfermidade.
A artista Tina Turner. (Foto: Christian Charisius / DPA)
photo_camera A artista Tina Turner. (Foto: Christian Charisius / DPA)

A cantante e actriz estadounidense Tina Turner (1939-2023) faleceu esta cuarta feira aos 83 anos de idade na súa casa de Küsnacht, perto da cidade de Zúric, en Suíza. Padecía unha enfermidade desde hai tempo, segundo informou un portavoz da familia nun comunicado. A exitosa artista alcanzou fama mundial por temas como o xa mítico The Best e ao longo da súa traxectoria obtivo numerosos premios e distincións, como 12 Grammy.

Considerada como a 'Raíña do Rock'n Roll', Turner, de nacionalidade suíza e orixe estadounidense, naceu co nome de Anna Mae Bullock o 26 de novembro de 1939 en Nutbush (Tennessee, Estados Unidos) e mantívose nos escenarios durante máis de cincuenta anos, até a súa retirada en 2013 á idade de 73 anos.

Comezou a súa carreira musical a mediados da década de 1950 con Ike Turner, quen sería o seu primeiro marido e parella artística no exitoso dúo Ike & Turner. Debutou co single A fool in love e despois continuou con outros éxitos memorables como Proud Mary e Nutbush City Limits, unha canción que ela escribiu.

Xa como solista, alcanzou tamén un gran éxito co álbum 'Private Dancer' de 1984, producido por Mark Knopfler, con cancións da época como What's Love Got to Do with It, Let's Stay Together, We Don't Need Another Hero e The Best. En total, a cantante vendeu máis de 200 millóns de discos en todo o mundo.

Tamén logrou oito premios Grammy na década de 1980 e deu o salto á gran pantalla grazas a películas taquilleiras como Tommy, Mad Max Beyond Thunderdome e Last Action Hero.

Comentarios