Obituario

Morre aos 89 anos o recoñecido artista ribeirán Manuel Ayaso

Ao longo da súa vida recibiu diferentes recoñecementos de carácter internacional.
O artista Manuel Ayaso. (Foto: Concello da Coruña)
photo_camera O artista Manuel Ayaso. (Foto: Concello da Coruña)

O pintor Manuel Ayaso, nado en Aguiño (Ribeira, O Barbanza) en 1934, faleceu esta segunda feira aos 89 anos de idade. Ao longo da súa vida, que o levou a emigrar de mozo aos Estados Unidos, recibiu diferentes recoñecementos de carácter internacional pola súa frutífera traxectoria.

Ayaso foi nomeado o pasado ano Fillo Predilecto de Ribeira, o seu municipio natal. Os grupos que conforman a corporación municipal transmitiron esta terza feira o seu "máis sincero pesar" polo falecemento do artista, ao que cualifican como "un dos artistas máis sobresaíntes do concello, da Galiza e de todo o Estado español".

"Queremos expresar o noso pésame aos seus familiares, amigos e veciños e foráneos en xeral que sentiron cativados por este creador universal, posuidor dun estilo único e inconfundíbel só á altura dos grandes mestres como Goya ou Picasso, o que o fixo merecedor de innumerábeis distincións", explica a corporación de Ribeira nun comunicado.

Entre os galardóns que conseguiu figuran o Premio Trubeck, o Premio de Pintura da Fundación Tiffany, o Premio Purchase do Museo de Nova Jersey, o Premio de Artes Plásticas da Galiza e o Premio Barbantia.

Tamén manifestou as súas condolencias o conselleiro de Cultura da Xunta, Román Rodríguez, quen na súa conta de Twitter lamenta que "Galiza perde un grande artista" e "autor dunha vasta obra plástica cunha iconografía propia".

Precisamente, a semana pasada a Xunta inauguraba en Ribeira, no Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, unha mostra con obras de Ayaso, alén do tamén barbancés Alfonso Costa, para conmemorar o 50 aniversario da morte de Picasso.

Ademais, o Concello da Coruña expresa o seu "profundo pesar" polo falecemento de quen é "un dos pintores de referencia da Galiza das últimas décadas". Así, lembra que a cidade herculina rendeulle a comezos de ano unha homenaxe cunha exposición que repasaba a súa carreira.

Comentarios