Un monográfico sobre Cunqueiro estrea a nova revista 'Cumieira das letras'

A Universidade de Vigo presenta esta quinta feira un anuario de estudos literarios.
Álvaro Cunqueiro durante a súa viaxe a Bretaña en 1964. (Foto: RAG)
photo_camera Álvaro Cunqueiro durante a súa viaxe a Bretaña en 1964. (Foto: RAG)

"Cunqueiro é moitos Cunqueiros", escribiu Méndez Ferrín na conferencia inaugural do ciclo de charlas Cunqueiro XL organizada pola Universidade de Vigo en marzo de 2021. E seguramente non todos, mais si moitos deses Cunqueiros están presentes no primeiro número de Cumieira das letras, unha revista do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo que se presenta hoxe ao público e que pretende "dar a coñecer traballos científicos en galego sobre a lingua, literatura e cultura galegas".

Este primeiro número, un monográfico dedicado ao escritor de Mondoñedo, inclúe, ademais da conferencia citada de Méndez Ferrín, artigos de Iago Castro, Marta Mariño, Miguel González Somovilla, Rexina Veiga, Armando Requeixo, Xesús González Gómez ou César Morán, aínda que talvez a pièce de résistance do número sexa o extenso traballo de Xosé Henrique Costas e Manuel Forcadela que recupera medio cento de poemas de Cunqueiro, de entre os anos 1928 e 1940 que estaban dispersos en follas soltas, folletos e diarios íntimos.

O número inaugural de Cumieria das letras deixa constancia da multitude de universos percorridos polo autor de Merlín e familia: desde o peculiar xornalismo que exerceu durante toda a súa vida ("as noticias verdadeiras son as que teñen trescentos anos", declarou algunha vez), revisitado por Miguel González Somovilla, até o viaxeiro que entende a viaxe como "realidade referencial, simbólica e ontolóxica", que estuda Armando Requeixo.

Ficción e realidade

O delgado fío que separa a ficción da realidade foi explorado minuciosamente por Cunqueiro, e así, Xesús González Gómez intérnase nas incógnitas que rodean un deses poetas inventados cuxas obras traducía e publicaba: Phyllis MacCalvert.

Ademais, ese xogo de máscaras e espellos co que o mindoniense poboou as páxinas dos suplementos literarios de Faro de Vigo —asinando artigos cos pseudónimos máis variados e fantaseando con poetas estranxeiros— é tamén estudado por Iago Castro, quen destaca o labor de dar a coñecer en galego os autores e tendencias que se producían nas literaturas normalizadas, así como de xustificar a súa poética presentando a enorme variedade de rexistros da lírica contemporánea como un valor que había que considerar en positivo.

A nova revista de estudos literarios tamén analiza o papel dos mitos na obra de Cunqueiro —da man de Marta Mariño— ou narra experiencias de marcado sabor persoal, como a que relata Cesar Morán sobre un encontro co autor, co pretexto dunha entrevista que lle fixo en 1981, na que Cunqueiro desvelou algunhas das súas fontes literarias: literaturas celtas -nomeadamente irlandesas- que se adiantaban no tempo ao chamado "realismo máxico" dos escritores latinoamericanos do boom.

Da magnitude da repercusión que a obra de Cunqueiro tivo nas literatura é testemuña, talvez, o artigo de Rexina Veiga que segue o rastro de "O adxectivo cunqueiriano na narrativa galega", a través dun longo itinerario que vai do primeiro Carlos Casares até figuras da literatura española máis actual, como Juan Tallón ou Manuel Jabois.

Comentarios