Mondra, Monoulious, Wöyza, Watani e Ruxe Ruxe uníronse por Palestina
A Fundación Araguaney-Ponte de Culturas e o Festival Amal realizaron esta quinta feira na sala Capitol de Compostela a segunda edición de 'Amal x Gaza, concerto solidario, artistas galegas x Palestina'. O evento, enmarcado na programación da XXIII Semana de Cine Euroárabe Amal, contou coa colaboración da Cátedra USC-Araguaney para o Diálogo entre Culturas da propia fundación, a Universidade de Santiago de Compostela (USC)] e a Sociedade Xeral de Autores e Editores.
Mondra, Monoulious DOP, Wöyza e Ruxe Ruxe, así como o grupo de baile palestino Watani, subiron ao escenario de maneira altruísta nunha noite solidaria que quixo amosar que a axenda de apoio ao pobo da Faixa de Gaza continúa aberta desde a Galiza.
Apoio a Unrwa
A iniciativa, segundo a organización, tivo como obxecto principal recadar beneficios para apoiar á Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados e as Refuxiadas de Palestina en Oriente Próximo (Unrwa nas súas en inglés). Desde a fundación compostelá lembraron que o evento quixo "amosar de novo publicamente o noso apoio á Unrwa, nun momento no que esta axencia continúa gravemente infrafinanciada".
"A pesar de que varios países retomaron parte do financiamento suspendido en 2024 -entre eles a Unión Europea e o Estado español-, a Unrwa segue nunha situación crítica, como consecuencia directa dun castigo político colectivo contra a poboación refuxiada palestina", aseguraron desde a entidade que preside agora mesmo Ghaleb Jaber Martínez.
Neste sentido, a fundación considerou que a falta de recursos de Unrwa "impide garantir a distribución regular de alimentos, medicamentos e a continuidade dos servizos educativos e sanitarios para millóns de persoas refuxiadas, condenadas ao abandono internacional" sobre todo en Gaza "onde gran parte da poboación está desprazada e a infraestrutura civil destruída, a Unrwa continúa sendo a única entidade capaz de manter unha resposta humanitaria sostida".
Solidariedade musical
"Este festival ten unha causa xustificadísima", explicou a Nós Diario sobre a súa participación Wöyza. Esta artista galega multifacética é cantante, compositora, produtora e formadora e está considerada pioneira da escena Hip Hop-Soul e rhythm and blues en lingua galega ademais de ser a primeira cantante/rapeira estatal en colaborar con artistas portugueses. "Eventos deste tipo son transparentes e é unha maneira que temos desde a música de poder axudar", engadiu. Por último, agradeceu unha proposta para que a xente "participara de forma xenerosa e formar parte do movemento para axudar ás refuxiadas e aos refuxiados deste xenocidio".
Desde Ruxe Ruxe, outra das propostas musicais que se viron neste evento, o seu vocalista e guitarrista, Vituco Neira, afirmou a Nós Diario que coa súa actuación quixeron "amosar o noso compromiso total e absoluto co apoio ao pobo palestino ademais de deixar clara a nosa repulsa co xenocidio que se está cometendo en Gaza".
Sobre a iniciativa, este músico valorouna como un acontecemento que "socialmente pode facer, con todas e todos xuntos, un punto e aparte nunha realidade na que se mata xente en nome de non sabemos moi ben quen e que atenden a principios que teñen máis que ver, obviamente, co capital que co humano".

