Mondra anuncia o seu novo álbum, que sairá no mes de maio
O artista, cantareiro e bailador Mondra vén de anunciar que publicará en maio o seu segundo traballo discográfico. Logo de gañar o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica polo seu disco debut, ARDĒN, Mondra anuncia o novo lanzamento coa presentación de vale máis un canciño, o primeiro avance do que será o seu novo LP, e que xa está dispoñíbel desde esta sexta feira nas plataformas dixitais.
vale máis un canciño introdúcenos no universo sonoro do novo álbum de Mondra, un traballo conceptual e persoal que produce, integramente, o Hevi no Laboratorio Soyuz. O tema que se estreou na sexta é unha peza breve e coral, un pícaro pasodobre no que colaboran múltiples instrumentistas, tanto nos ventos coma nas percusións, así como parte do alumnado infantil das asociacións pontevedresas AC Peis d’Hos (Cangas do Morrazo) e da ACF Tarambainas (Vigo).
Antía, Anxa, Ari, Candela, Carmen, Celia, Clara, Iago, Icía, Laia, Lucía, Mar, Marina, Naiara, Naima, Nara e Noa son as 17 nenas que conforman o coro de voces brancas desta canción e que, ademais, acompañan a Mondra na súa proposta visual (unha produción do propio artista e do estudio coruñés elmembrillo, e que o cantareiro codirixe con Adela Otero), tan suxerinte como inocente e divertida. A peza xa se pode ver tamén na canle de VEVO do creador galego.
Mondra
Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis destacados da escena musical do país. Co seu álbum debut, titulado ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023), acadou o recoñecemento unánime de público e crítica, mais tamén varios galardóns, como o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024, ou candidaturas aos Premios Mestre Mateo polas pezas audiovisuais que acompañan aos temas "Marimondra" e "Quererse ben", dirixidos polo propio artista.
Tras percorrer case medio cento de escenarios co seu potente directo, Folía das Ardentes, o vindeiro día 20 de marzo pechará en Madrid unha xira que dará paso, en maio, a unha nova etapa coa que o artista "sorprenderá" segundo di, o panorama musical polo diálogo que estabelecerá, na forma e no estilo, coa tradición.