VÍDEO | "Vale máis un canciño": o novo de Mondra, adianto do seu segundo disco
O artista, cantareiro e bailador Mondra vén de anunciar que publicará en maio o seu segundo traballo discográfico. Logo de gañar o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica polo seu disco debut, ARDĒN, Mondra anuncia a estrea coa presentación de "Vale máis un canciño", o primeiro avance do que será o seu novo LP, e que xa está dispoñíbel desde este 28 de febreiro nas plataformas dixitais.
"Vale máis un canciño" aproxímanos ao universo sonoro do novo álbum de Modra, "un traballo conceptual e persoal" que produce, integramente, Hevi no Laboratorio Soyuz. O tema que agora estrea é unha peza breve e coral, un pícaro pasodobre no que colaboran múltiples instrumentistas, tanto nos ventos coma nas percusións, así como parte do alumnado infantil das asociacións AC Peis d'Hos (Cangas do Morrazo) e da ACF Tarambainas (Vigo).
Antía, Anxa, Ari, Candela, Carmen, Celia, Clara, Iago, Icía, Laia, Lucía, Mar, Marina, Naiara, Naima, Nara e Noa son as 17 nenas que conforman o coro de voces brancas desta canción e que, ademais, acompañan a Mondra na súa proposta visual, "suxerente, inocente e divertida". Unha produción do propio artista e do estudio coruñés elmembrillo, e que o cantareiro codirixe con Adela Otero.