Contracultura

Miguel de Lira: "Nos meus traballos hai unha constante: traballar desde aquí, contar historias que nacen na Galiza"

Miguel Domingo García, actor máis coñecido como Miguel de Lira, recibirá o Premio Cinema Galego do Festival Internacional de Bueu (FICBueu), cita que decorrerá entre os días 11 e 24 deste mes. De Lira conversa con 'Nós Diario' da dificultade de exportar os produtos e mesmo de crealos, así como do compromiso coas maneiras de facer e cos proxectos formados por, como el di, "unha linguaxe audiovisual que se pode definir con acento galego".
Miguel de Lira é premiado en Bueu pola súa traxectoria e compromiso. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Miguel de Lira é premiado en Bueu pola súa traxectoria e compromiso. (Foto: Nós Diario)

—Como foi saber que ía ser o premiado polo FICBueu?
Sempre che queda o corpo cunha boa sensación cando recoñecen o teu traballo, especialmente cando o criterio do premio está baseado na traxectoria e no compromiso. A traxectoria téñoa fresca, aínda que xa van uns cantos anos e algunhas cousas custa máis lembralas, mais a cuestión do compromiso é máis xenérica.

—Compromiso coa cultura e coa sociedade galega, non?
É unha boa resposta que podo facer miña. Nos traballos que fun facendo ao longo destes anos hai unha constante: a tendencia a traballar desde aquí, contar historias que nacen na Galiza e que poden seducir noutros lugares. Somos quen somos pola lingua, iso é evidente, mais tamén hai unha linguaxe audiovisual que se pode definir con acento galego. Nos anos 80 e 90, cando o canon oficial impuña un español neutro, non era tan valorada e inclusive tiña serias dificultades para ser exportada. Desde logo, pola miña parte, houbo un compromiso importante e activo para derrubar eses muros de comunicación e da imposición.

O audiovisual de ficción era moito máis ríxido e agora poden verse novas expectativas e miradas que beben moito do documental e onde cobran moita importancia as paisaxes e espazos onde suceden as historias. Todo isto ten un cariz que antes non había; ás veces o compromiso serve para esas cousas: normalizar a nosa cultura, lingua e audiovisual. Penso que chegamos a un punto no que parece que xa se superou o tabú, cando menos na fase de creación, o cal non quere dicir que a industria non siga marcando as tradicións e que non exista un control ideolóxico e cultural, iso segue aí, mais houbo moitos avances. Así, as palabras compromiso ou traxectoria adquiren unha dimensión moi agradábel: podes ter ambas as cousas e non conseguir nada.

Non son eu só evidentemente, as creadoras e creadores da miña xeración, e tamén as actuais, construímos unha forza común. Teño traballado con moitas persoas en produtoras e equipos técnicos e a solvencia profesional foi aumentando e, con ela, mellorando a factura dos filmes, series e demais. Iso tamén é ter un compromiso co traballo ben feito: hai un sector consolidado en canto a calidade e pegada propia.

—Despois de tantos traballos, hai algún papel que lembre especialmente?
Son consciente dos papeis do principio, porque foron a base das aventuras que viñeron, mais co resto non sabería dicir. É a xente a que vai decidindo, eu limítome a recibir as opinións.

Con todo, hai un que lembro en moitas ocasións pola pena do que ía ser e non foi. Iamos facer unha serie sobre emigrantes galegos de varias xeracións en Nova York. Eu era un dos protagonistas, un emigrante de segunda xeración, e tiña moita ilusión porque en Lira hai moita xente que aínda está alá, ou que estivo, tamén son descendente de emigrantes, e quería tocar esa realidade. O proxecto frustrouse porque os custos para rodar en Nova York eran demasiado elevados.

—Xustamente a solvencia da que falaba.
Hai circunstancias que fan que os proxectos sexan inviábeis, mais a min gústame estar tamén en proxectos de baixísimo custo, por exemplo, o que facemos na Asociación Cultural Canle de Lira onde é todo autoxestionado, cultura popular de batalla. Este territorio da cultura tamén é posíbel, e non porque non existan os cartos, senón porque aparecen máis valores: orgullo, cohesión social, voluntariado.

A ilusión ten unha raíz de compromiso a partir da cal pode buscarse a financiamento. Un exemplo é o propio FICBueu, que xa vai pola 15 edición e é un festival de referencia, con talento e que reparte premios. 

Comentarios