Miguel Calvo: "'As esquinas' é un libro duro, pouco compracente, co protagonista ancorado no rancor e moi ferido"
Miguel Calvo (Vigo, 1985) vén de recibir o Premio Pinto e Maragota –que concede o Concello de Pontevedra en colaboración con Xerais– pola súa primeira novela, As esquinas. Esta obra de ficción, que nace da man dun proceso terapéutico, aborda a dor, o trauma e a identidade da súa personaxe principal cunha voz dura pero necesaria e moi próxima á ferida emocional.
—As esquinas nace durante un proceso terapéutico. En que momento sentiu que ese proceso podería dar lugar a unha novela?
Non foi tanto que eu estivera en terapia e sentira que tiña que escribir, simplemente comecei a escribir cousas relacionadas coa terapia. Despois dun proceso de meses, sentín que podería transformar os escritos nunha novela introducindo cousas diferentes á miña vida, por iso é ficción.
—O título ten un simbolismo literal na novela, mais que significan a nivel emocional as esquinas para o protagonista?
O protagonista é un home que vive a súa homosexualidade con toda a naturalidade posíbel, simplemente forma parte del. Non é unha obra que vai sobre o activista LGBTIQ+: é un personaxe marica que, aparte de ser marica, pásanlle cousas. Tamén se pode entender por aí: as esquinas de como puido ter vivido na outredade ese personaxe. Por outra parte, hai moitos puntos de vista dentro da obra, especialmente os que teñen a ver coa nai do protagonista, cuxo mapa de personaxe constrúese con esquinas desligadas entre si a través do relato de diferentes personaxes. Despois, por suposto, o evidente: o personaxe principal autolesiónase coas esquinas das cousas.
—Cre que a súa experiencia como orientador influíu na forma de tratar temas como o trauma, a saúde mental ou a infancia ferida?
Ao cen por cen. Cando comecei a escritura xa estaba no equipo de orientación na especialidade de trastornos da conduta e o tema das autolesións é un eido bastante habitual nesa especialidade. Teño moitas chamadas de institutos e orientadoras que piden asesoramento para acompañar o alumnado que se autolesiona. Ese elemento vén sen dúbida do meu traballo. Despois, como xestiona o personaxe do libro o tema das autolesións, si que é inventado. É como penso que o personaxe o faría.
—Que papel xoga o perdón —cara a un mesmo, cara ao pasado ou cara aos outros— na historia de As esquinas?
As esquinas é un libro duro, pouco compracente e onde o protagonista non está no camiño do perdón, senón que está ancorado no rancor e moi ferido. Quizais por aí vén o tema das autolesións, que moitas veces veñen para mitigar a dor emocional. Tamén se toca o tema das adiccións. De fondo están esas emocións de rancor, de non perdoar e de non poder mirar adiante. Hai algún capítulo no que o personaxe principal acude a unha psicóloga, pero está tan fechado que non pode recibir axuda e abandona. É aí onde el decide o camiño a seguir, que é moi doloroso.
—Como foi recibir o premio Pinto e Maragota pola súa primeira novela? Que lle pasou pola cabeza cando soubo que gañara?
Eu veño do eido da educación, que é moi diferente ao literario. Xa rematar o libro e participar foi un premio. Cando me chamaron do Concello de Pontevedra pensei que era unha multa, pero cando me dixeron que era do concurso, dinme de conta de que era para dicirme que era gañador. Tiven que sentar, porque me dixeron cousas moi fermosas e me emocionei moito. Sigo como nunha nube e estou moi contento.