'Memorias dun neno labrego' dá o salto á banda deseñada

A popular obra de Neira Vilas, adaptada agora ao formato cómic por Iria Aldegunde, chega esta semana ás librarías da man de Galaxia.
Capa do libro. (Foto: Galaxia)
photo_camera Capa do libro. (Foto: Galaxia)

A adaptación visual en formato banda deseñada do clásico da literatura galega Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas e con ilustracións de Iria Aldegunde, chegará ás librarías esta mesma semana. Publicada na colección Novela Gráfica da editorial Galaxia , a adaptación a cómic do clásico de Neira Vilas "está debuxada con sentimento e bo pulso narrativo".

Desde a editorial destacan nun comunicado que se trata do libro máis lido e traducido da literatura galega, e é "unha das obras que fundan a narrativa contemporánea galega e que agora se presenta por primeira vez nunha adaptación gráfica".

Xosé Neira Vilas (Gres, 1928-2015) foi membro numerario da Real Academia Galega e doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e A Habana. Pola súa parte, Iria Aldegunde (Santiago de Compostela, 2000) é historietista. Compaxinou os seus estudos de Filoloxía Inglesa coa súa formación en cómicc na escola profesional O Garaxe Hermético. Participou nos libros colectivos Florencio (2022) e Gaspariño XXI (2023).

Nunha entrevista con Nós Diario, Aldegunde explica a transcendencia desta publicación: "Parecíame necesario e case consecuente facer unha adaptación de maneira que un libro tan importante para a nosa literatura puidera seguir transmitindo a historia dos nosos avós con sentimentos que son atemporais".

"Ao final é unha historia que ten moito da miña aldea, mais tamén intentei que todas as referencias fosen o máis fieis posíbeis. Por suposto, as famosas fotografías de Ruth Matilda Anderson foron unha gran fonte de inspiración para min", engadiu.

Comentarios