Contracultura

Meli López: "Síntome moi agradecida de que se recoñeza o labor realizado polo Cineclub Lumière"

A directora e programadora no Cineclub Lumière, Meli López, con Fran Estévez, un dos fundadores do cineclub. (Foto: Paula Cermeño)
Meli López, directora do Cineclub Lumière, fala do Premio do Festival Primavera de Cine que recolleu este domingo en Vigo, na gala de clausura do evento, e que premia o cineclub no ano en que fai tres décadas. López fala da evolución, tanto da estrutura interna do cineclub como da propia cidade de Vigo e do seu público, xa que, como di, “tamén hai que asumilo: muda o modo de consumir o audiovisual”.

Como foi saber que o cineclub ía recibir o Premio Primavera de Cine?
Síntome súper agradecida de que recoñezan o noso labor, que leva moito traballo e vontade e está feito con poucos recursos. É moi agradábel ver que se nos ten en conta e sobre todo que isto pase cando facemos trinta anos.

Despois de tanto tempo, como evolucionou a organización?
No ano 2000 tratamos de profesionalizar a asociación porque hai que dedicarlle moitas horas e traballo. Nos inicios, levábase a cabo cun labor de voluntariado e claro, había diferentes criterios, era bastante complexo se querías levar un proxecto a bo porto e seguindo directrices concretas. Tamén fun presidenta un tempo, un cargo que agora ocupa Xoán Anleo. Ao mudar a organización creamos o cargo de directora e programadora, que é o que desempeño agora.

Nese momento eu tiña nas miñas mans toda a programación alternativa de cine da cidade: encargábame dos ciclos de cine que se facían nas institucións, en asociacións, mesmo no Colexio de Arquitectos. Foi un traballo moi interesante e grande. Despois todo iso foi esmorecendo a raíz de que se foran fechando e retirando recursos para este tipo de actividades. Agora o que mantemos son as proxeccións das segundas feiras e as colaboracións que van xurdindo, por exemplo coa Filmoteca Galega, co Agadic, coa Universidade de Vigo tamén.

A demanda do público tamén foi mudando co tempo.
En primeiro lugar a demanda debe vir das institucións, porque a iniciativa privada non colabora practicamente con iniciativas culturais.

É moi complexo conseguir recursos a través das entidades privadas para temas culturais e eu diría que no caso do cine aínda máis, porque non é algo masivo nin que teña moita repercusión para elas. Isto é o que consideran eles claro, eu penso que non é certo. Entón, as institucións van achegando o que consideran e a demanda tamén muda a través de plataformas audiovisuais como Netflix ou Filmin. 

A xente ve o cine a través do monitor da súa casa e iso resta moito público ás salas. Tamén hai que asumilo: muda o xeito de consumir o audiovisual, aínda que eu considero que o cine é unha experiencia social.

Cales son os plans de futuro?
En principio, mentres sigamos tendo demanda e a xente veña á sala, aínda que sexa pouca, a idea é manter a programación. Se a demanda vai mudando e a xente deixa de vir, non tería sentido o noso traballo. Ao final nós non somos produtores, os nosos títulos antes ou despois acaban estando neste tipo de plataformas. Quizais tamén temos un labor de difusión e de ordenación. Cando sentas diante do monitor e hai tanta oferta non é raro que non saibas por onde comezar. Nós o que facemos é difundir e dar visibilidade a determinados traballos e directoras ou directores pouco coñecidos, mais que son moi interesantes.

Persoalmente, eu sei de moita xente que non vén á sala pero si que segue o noso programa. A cuestión é como se lle dá valor a iso, porque internet neste momento é unha fiestra ao mundo. Quizais sería cuestión de que a xente soubese que detrás de todo iso hai un traballo e fose consciente de que hai que mantelo. 

A esa visibilidade tamén axudan este tipo de premios.
Dende logo, e agradécese moitísimo ese recoñecemento. Este é un labor de formiga, buscar moita documentación e paso a paso, e hai veces que non sabes se o estás facendo ben, se estás quedando illada ou se non estás a altura. 
Esas cuestións, pola miña parte, sempre están enriba da mesa. Mais cando chegan esas cousas e a xente segue renovando os carnés ano tras ano agradécese moito. Os nosos carnés teñen no reverso unhas caixas que imos selando e claro, cando chega alguén pedindo outro porque ese xa o encheron é un gusto.