Maruxa Mallo protagonista

Mallo é a primeira muller protagonista do Día das Artes Galegas, logo de mereceren esta honra o Mestre Mateo e Castelao. Hoxe sábado -e non só- a pintora de Viveiro é o centro de numerosas actividades en todo o país. 

maruja mallo(3)
photo_camera Maruxa Mallo

O Día das Artes Galegas argallouse a imaxe e semellanza do Día das Letras, así que hoxe sábado a localidade natal da pintora acolerá o acto académico público para renderlle homenaxe á artista. Será no Teatro Pastor Díaz de Viveiro. Nel, alén dos discursos institucionais e da apertura a cargo do presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo, a académica Asunta Rodríguez será a encargada de realizar a glosa sobre Mallo baixo o título "Exótica". E, para rematar, música a cargo de SondeNós. 

cartel-diadasartesA Academia de Belas Artes elixiuna pola "importante significación do seu legado e da súa obra plástica, o seu contacto con artistas escritore e intelectuais como Dalí, Lorca, Bretón ou Eluard, e a súa integración nas vangardas, así como o seu carácter transgresor e defensa dos dereitos da muller". 

Estes días a súa figura volve brillar nun país no que aínda non é abondo coñecida e cuxa figura sufriu un proceso de "desconxelación continuado", segundo a xornalista e biógrafa Carme Vidal, que comezou en 1993 coa mostra monográfica de Mallo que inaugurou o CGAC. 

No ciclo Nexos da CdC

Hoxe a Cidade da Cultura, dentro do ciclo Nexos, organiza unha xornada -titulada 'Maruja Mallo e a xeometría do signo'- dedicada á artista, que inclúe relatorios da propia Carme Vidal e de Carlos Bernárdez, autor de 'Maruja Mallo: a pintura da nova muller (Nigra, 2010). E, para rematar, un espectáculo poético-musical creado 'ex profeso' por Belén Bermejo e Pablo Seoane no que abordan unha selección de textos da artista. 

Ademais, Carlos Bernárdez volve a ofrecer un relatorio esta mesma segunda feira, dentro da serie 'Os Luns do Ateneo'  que teñen lugar na sede de Afundación da Rúa do Vilar. Leva por título "Maruja Mallo, a pintura da nova muller". 

Itinerario en Pontevedra

O Museo de Pontevedra deseñou un itinerario específico para dar a coñecer a obra de Mallo, e todas as sextas do mes de abril, o Gabinete Didáctico organizará faladoiros ao redor da artista viveirense e guiará un roteiro relacionando a súa obra coa de outros e outras artistas do seu tempo. Ademais, no Sexto Edificio poderán verse por primeira vez dous debuxos da súa serie ‘Fantásticas criaturas’. 

O Museo de Pontevedra posúe tres obras de Maruja Mallo, entre as que se conta ‘Cabeza de negra’ (1946), de singular importancia e beleza

Hai que lembrar que o Museo de Pontevedra posúe tres obras de Maruja Mallo, entre as que se conta ‘Cabeza de negra’ (1946), de singular importancia e beleza. E agora, co gallo do Día das Artes , poderanse ver expostos, por primeira vez, dous debuxos de corte surrealista da súa serie ‘Fantásticas criaturas’. A particularidade destes dous debuxos está en que se atopan en dúas caras dunha mesma folla, polo que se deseñou unha montaxe específica para a súa exhibición, inseríndoos nunha estrutura que permite que se vexa cada debuxo por un dos lados. Ademais, a sala na que se atopan estas tres obras reorganizouse para que dialoguen con obras doutros e doutras artistas do mesmo momento histórico que Maruja Mallo. 

Ademais, tamén en Pontevedra, o sábado ás 12 horas no Salón do Libro Polo Correo do Vento presenta o libro 'Meiga nova, metade anxo, metade marisco. Unha pequena biografía de Maruja Mallo', acompañado dunha sesión de contacontos. Esta biografía para as crianzas únese a outra aparecida hai poucas semanas en Urco editora dentro da colección Mulleres Bravas. 

Homenaxe en Cervo

Hoxe tamén, no Museo Provincial do Mar en Cervo, dentro do IV Congreso de Xéneros, Museos, Arte e Educación, terá lugar unha xornada de homenaxe na que se debaterá sobre a obra da artista e haberá dúas exposicións virtuais de homenaxe: 'Maruja Mallo en olladas de artistas' e 'Maruja Mallo, artista entre culturas', a cargo de Luz Darriba. Ademais, a profesora María Victoria Carballo-Calero impartirá un relatorio sobre a artista. 

Obradoiros para nenos en Afundación

Afundación tamén pon en marcha unha serie de actividades durante todo o mes de abril coa artista viveirense como protagonista. En cada unha das sete sedes da entidade celebraranse obradoiros dirixidos a estudantes de educación primaria e secundaria baixo o título «Confidencias con Maruja». Estes obradoiros están inspirados nas carautas que Mallo realizaba e teñen o obxectivo de dar a coñecer a historia e o labor desta muller adiantada ao seu tempo, artífice dunha revolución tanto a nivel artístico como social a comezos do pasado século.

Ademais, durante os días 10 e 11 de abril, en horario de 11.00 h a 12.30 h, coincidindo co período vacacional de Semana Santa, celebrarase un obradoiro de carautas aberto a todos os nenos e nenas de entre 5 e 10 anos nas sedes de Ferrol, Lugo, Pontevedra, Vigo e Ourense.

Comentarios