Contracultura

María Armental: "Ninguén se atrevera a facer unha tradución da obra de Liz Lochhead porque era moi difícil"

María Armental, filóloga, foi a encargada de traducir 'Poemas escollidos', a primeira obra dispoñíbel en galego de Liz Lochhead, recoñecida como Poeta Nacional de Escocia en 2021. Armental aborda as diferentes temáticas que a autora trata na súa obra, como o feminismo, a pobreza ou a lingua, así como as dificultades que se presentan á hora de traducir os seus textos, entre outras cousas, porque "ela cre que a verdadeira lingua normativa de Escocia é a fala coloquial".
María Armental é a tradutora de diferentes poetas de Escocia. (Foto: Nós Diario)
photo_camera María Armental é a tradutora de diferentes poetas de Escocia. (Foto: Nós Diario)

—Esta é a primeira tradución de Liz Lochhead ao galego. Como xurdiu?
Foi unha sorte. Eu traballei para a Universidade de Saint Andrews (Escocia) nos seus cursos de verán, polo que acostumo a ir anualmente en marzo para os festivais de poesía que organizan alí. Hai catro anos, un domingo pola mañá, Liz estaba lendo poemas para crianzas e eu fun a esa lectura. Ao rematar, merquei este poemario que finalmente acabei traducindo e comenteille que eu era a tradutora doutro poeta escocés moi importante, Douglas Dunn. Entón ela mesma propúxome traducila e evidentemente dixen que si. Fixen as dúas traducións: ao galego e ao español, que aínda está por saír e que tampouco conta con obra dela traducida.

—Cal foi a parte máis complexa á hora de realizar a tradución?
Precisamente penso que se non hai obra dela nestas linguas é porque ninguén se atrevera a facer unha tradución, porque é unha obra moi difícil. A min deixoume esgotada, polo que diría que a parte máis complicada foi case toda, aínda que penso que saíu bastante ben. Ela cre que a verdadeira lingua normativa de Escocia é a fala coloquial, polo que tamén fai falar ás súas personaxes con estas expresións coloquiais e dialectais. É moi difícil traspasar isto dunha lingua a outra, non só para min, para todas as persoas tradutoras é así. Hai un poema para crianzas no que si que tratei de facelo de forma máis obvia porque no galego soa moi ben, mais noutros casos non puiden facelo tan directamente.

Sorprendeume que nalgúns poemas que son extremadamente feministas, nos que reivindica o papel da muller e fala de como as mulleres se rebelan contra as imposicións da sociedade utilice unha linguaxe tan coloquial e que falara de temas como a menstruación ou outros que a min me custaba traducir polo pudor que sentía.

—Liz Lochhead é unha poeta que se caracteriza por valorizar as voces marxinadas de Escocia. Que pode achegar isto na Galiza?
É unha poeta que chama constantemente a túa atención no medio dos seus textos. Penso que as persoas da Galiza poderiámonos identificar facilmente cos primeiros poemas do libro, nos que fala da súa xuventude e fai referencia a cuestións moi emocionais. Ela vén da zona de Glasgow, que se caracteriza polo dialecto escocés alén dunha pronuncia moi marcada. E neses poemas fala do que supoñía para ela, e para moitas outras crianzas, falar esa lingua pola que eran consideradas menos ou inferiores. Eran as crianzas que levaban as peores notas, as que recibían o acoso. Isto é algo que pasaba cando eu fun á escola, cando as crianzas non sabían falar español. Na miña casa falábanse as dúas linguas, polo que eu puiden adaptarme ben a unha escola que estaba completamente en español. Con todo, había crianzas que non sabían falar español: eran as que estaban sempre na última fila, as que non se consideraban e as que non saíron adiante nos estudos porque non se lles prestou atención.

Tamén hai varios poemas nos que fala da pobreza, de como a súa nai cosía ríos de tea mentres o seu pai ía á guerra. E toda a parte feminista, porque ela é unha poeta que busca darlle voz ás mulleres. É unha parte moi interesante da súa obra, que para min foi a máis difícil de traducir, mais creo que pode chamar a atención sobre todo da xente nova. Alén de ser poeta, Liz é unha dramaturga moi considerada en todo o mundo e o que fai é traer a vida mulleres do teatro clásico, volvéndoas vestir con traxes feministas e actualizando a súa linguaxe. É algo que realmente sorprende moito.

Comentarios