Un manifesto rexeita o proxecto da praza da Catedral de Mondoñedo

Nos vindeiros días recolleranse sinaturas de apoio
Catedral de Mondoñedo. (Foto: Jose Luis Cernadas Iglesias).
photo_camera Catedral de Mondoñedo. (Foto: Jose Luis Cernadas Iglesias)

Un grupo de mindonienses vinculados ao mundo da cultura, as artes, o asociacionismo e a política veñen de redactar un manifesto crítico co proxecto de reforma da Praza da Catedral de Mondoñedo.

Entre outras cousas, os preto de 30 asinantes -entre eles, os artistas plásticos Daniel Río 'Caxigueiro' e Xosé Vizoso; o profesor da Universidade de Oviedo Antón Xosé Meilán ou os ex alcaldes Javier Loira e Orlando González- alegan que o proxecto non foi sometido previamente de maneira formal e coa publicidade axeitada á consideración da veciñanza ao tempo que entenden que esta actuación alteraría de xeito dificilmente reversible a estrutura, fisionomía e usos actuais deste espazo urbano, neste senso sinalan que para afrontar calquera reforma desta envergadura nun lugar tan sensíbel e emblemático ten que partir dun debate aberto e transparente coa veciñanza.

Despois de consultar a diferentes técnicos na materia, argumentan que o orzamento previsto, incluída a partida achegada polo Ministerio de Transportes, é notoriamente insuficiente. Os e as asinantes engaden, aliás, que unha actuación de tales características debería partir do marco dun proxecto global de cidade e que debería ser "humanizador", no que converxan "a memoria, a historia, o presente e o futuro que pretendemos para Mondoñedo".

Non se recupera a fisionomía anterior

En contra da idea inicial coa que se presentaron as obras, o proxecto que se fixo público non vai, como se afirma, na dirección de recuperar a fisionomía da praza anterior a 1968 senón que, ao contrario, incide nos defectos da que se realizou naquel entón.

Entenden que a necesidade de resolver problemas como a accesibilidade, o saneamento, o recambio de pavimentación ou mellora de iluminación poden levarse a cabo sen necesidade de realizar actuacións tan lesivas e cun elevado custo económico.

O escrito conclúe que unha reforma nun espazo tan simbólico e tan sensíbel para o funcionamento da cidade como a Praza da Catedral, debe facerse co consenso imprescindible da cidadanía, coas máximas garantías democráticas. "Así, non!", engaden como lema.

Aberto a apoios

Nos vindeiros días habilitaranse espazos para a recollida de sinaturas en Mondoñedo e en plataformas de internet para que quen o desexen poida sumarse ao manifesto.

Comentarios