A Catedral de Mondoñedo agacha a lápida e os ósos de Pardo de Cela

As obras executadas na Catedral de Mondoñedo entre 1964 e 1966 permitiron descubrir o sartego onde se atopaba enterrado o Mariscal Pardo de Cela.

Tumba del mariscal Pardo de Cela, bajo el banco. Catedral de Mondoñedo.
photo_camera Tumba do mariscal Pardo de Cela, baixo o banco. Catedral de Mondoñedo.

O 6 de Marzo de 1965, mentres se levantaba unha tarima de madeira situada no altar maior, concretamente a carón do Púlpito do Evanxeo, apareceu unha lápida coa inscrición de Pardo de Cela e o seu escudo de armas, isto é aguia da que fican testemuña noutros espazos vinculados á xeografía vital e persoal do Mariscal. As dúbidas sobre o enterramento animaron a escavar o sartego, nuns traballos dirixidos por Chamoso Lamas e no que participaron Manuel Vázquez Seixas Henrique Cal Pardo, dando como resultado a aparición dun primeiro cadáver, que os especialistas vincularon a un descendente de Pardo de Cela, cóengo da catedral no século XVII, e doutros dous, nun enterramento anterior, asociados ao Mariscal e ao seu fillo.

A tumba atopábase exactamente no lugar referido na Relazón da Carta Executoria. A Relazón da Carta Executoria é un documento de principios do século XVI, redixido en galego e probabelmente escrito por un membro da familia Saavedra arredor de 1515, aparecido na Pazo de Taboi e no que se recolle os últimos tempos da vida de Pardo de Cela até o seu asasinato en Mondoñedo. Segundo este documento, practicamente contemporáneo dos feitos, ao Mariscal “o sepultaron junto a o Pulpito do Evangeo, e porta da Capela mor da Catedral, con grande autoridad. Degolaron juntamente co él á Pero de Miranda Saavedraa e Castro seo fillo; era moço virtuoso de edad de vinte e dous anos, foy sua morte como de vn Martir, porque jamais se achou error, que fosse contra pesoa algúa, mor nen menor, se non por os pecados de seu padre, e querelo defender como deveo, que o matavan; sepultarono junto a él”.

Unha vez rematada as obras a lapida e os ósos de Pardo de Cela foron separados

Unha vez rematada as obras a lapida e os ósos de Pardo de Cela foron separados. Á volta de 1966, a lápida foi trasladada do altar maior a súa actual ubicación, na nave lateral dereita da catedral, a carón da Capela do Sacramento. Situado no chan do templo canda outras laxes, sen ningún tipo de indicación e referencia sobre o que representaba nun lugar de moito transito, a inscrición do nome desapareceu, ficando simplemente algúns relevos e trazos do escudo de armas. Á altura de 1986 foi colocado enriba da lápida un banco que a cubría en toda a súa totalidade, permanecendo nese estado até hai uns meses, no que escano foi retirado no marco dunhas actuacións acometidas na igrexa de cara a unha nova explotación dos usos turísticos da mesma. Pola súa banda, os restos humanos de Pardo de Cela atópanse desaparecidos desde finais dos 60, descoñecéndose o seu lugar de enterramento actual e agravándose a situación coa morte do cóengo Henrique Cal Pardo, supostamente unha das poucas persoas que sabía do lugar exacto da cova do Mariscal.

Os restos humanos de Pardo de Cela atópanse desaparecidos desde finais dos 60

A Catedral de Mondoñedo agocha sen ningún tipo de reparo a lápida do Mariscal Pedro  Pardo de Cela. A día de hoxe non existe ningún cartel ou sinalización que indique onde esta situada a lápida. Ao tempo o sistema de audioguías implantado recentemente no templo para guiar as visitas non fornece ningún tipo de información sobre o lugar no que se atopa a lapida do Mariscal, moito menos da presenza dos seus ósos na Catedral, nin aínda de que este templo é o lugar do enterramento dunha das persoas de relevo da historia de Galiza. En definitiva, un persoa que queira visitar a lápida de Pardo de Cela e que non coñeza previamente a súa ubicación, seralle imposíbel atopala. Sorprende, agás que exista un interese claro por ocultar a figura e un episodio central da historia de Galiza, que os responsábeis do templo persistan en tapar calquera pegada de Pardo de Cela no mesmo. Aínda máis, cando o interese turístico da lápida e dos restos do Mariscal son evidentes, como dan conta os antigos guías da catedral, sorprendidos das numerosas persoas que preguntaban polo lugar onde estaban situados, a pesar da ausencia de calquera tipo de información e promoción sobre a súa existencia. 

Comentarios