Certame literario "Un verán con Castelao"

"Ramón Carballo", por Noa Abellán López

IES Álvaro Cunqueiro.
A carta foi enviada xunto cos cartos e as miñas esperanzas na cura milagrosa. (Foto: Clara Xanthina)
A carta foi enviada xunto cos cartos e as miñas esperanzas na cura milagrosa. (Foto: Clara Xanthina)

Cando eu era rapaz chegou Ramón Carballo; viña con chaqueta de tarazona forrada de baeta vermella e unha gorra con viseira de carei, como veñen os que van a navegar. Tamén traía o peito tatuado, que ben lle mirei eu un paxaro cunha carta no peteiro e o seu nome debaixo.

Lémbrome que Ramón Carballo foi a Bos Aires e volveu sen cartos. Logo foi á Habana e non trouxo diñeiro. Despois foi a New York e volveu tan probe como fora. Ramón Carballo aínda foi a non se sabe onde e non volveu máis.

***

Antes de perder a conciencia vexo unha última luz iluminando eses ollos que amei.

Sinto o frío da padiola de ferro percorréndome o corpo. Os laterais da miña visión fúndense de negro, e sei que non queda moito ata que perda a conciencia. Non sei canto tempo levo aquí, só sei que xamais volverei a ver a miña Maruxiña.

Oh, miña Maruxiña querida! Ti es o único bo que me aconteceu na vida. Aínda recordo cando era mozo e migrei ás Américas para facer fortuna. Tiña toda a vida por diante, mais eu só pensaba na gloria e no éxito.

Os anos pasaban e a miña ilusión comezaba a decaer, deixando o meu corazón tan baleiro coma os meus petos.

A saudade pola miña terra galega tiraba de min, pedíame que volvese a Galiza, mais sabia que non podía regresar ata que os meus sonos se convertesen en realidade.

Entón, cando todo semellaba estar perdido, coñecín ao amor da miña vida: a miña Enriqueta, a muller máis fermosa de todas as Américas. Cando a vin por primeira vez, souben que quería vivir a miña vida xunto a ela. O meu corazón era seu, aínda que ela non fose miña. Pouco a pouco, os meus esforzos por conquistala foron gañando espazo na caixa do seu peito e casamos pouco tempo despois. Foi unha voda preciosa, en compañía da súa familia, xa que a miña estaba lonxe de alí, e o cura que coñecía á miña muller dende que era nena.

Xunto a ela, aprendín a antepoñer a felicidade ao diñeiro. Era a miña compañeira, o meu fogar, a miña familia...era luz, brillante e pura...ata que a sombra da enfermidade botouse sobre ela.

O médico advertiunos que non tiñamos moito tempo, mais aínda nos faltaba un soño por cumprir: o nacemento dunha nova vida.

Axiña, a noticia do embarazo alegrou os nosos dias, pero a nosa ledicia durou pouco. Conforme medraba o seu ventre, medraba tamén a súa debilidade, e a morte non tardou en chamar á nosa porta.

Porén, o destino non foi demasiado cruel, e agasalloume cun novo amor, unha nena que tiña os ollos dos que eu un día namorara: a miña Maruxiña.

Os anos pasaron... A miña nena converteuse nunha moza moi feitiña. Tiña o cabelo de Enriqueta, as mans de Enriqueta, o sorriso de Enriqueta, o riso de Enriqueta...e a enfermidade crónica de Enriqueta.

Recoñecín os síntomas ao pouco tempo, e o médico confirmou as miñas sospeitas. Entón, souben que non había tempo que perder.

Todavía me botaba a culpa da morte da miña muller, de non facer máis esforzo en afastar a nosa despedida o máximo posible.

A historia non podía volver a repetirse. Sabía que non podería seguir vivindo sen a miña Maruxina querida, así que subín ao primeiro navío que atopei e marchei en busca dunha cura milagreira.

Percorrín toda a terra coñecida, buscando e buscando, ata que finalmente atopei a cura para a enfermidade da miña filla. Porén, o meu peto non alcanzaba para semellante remedio, polo que continuei coa miña viaxe.

Tras meses traballando, apenas tiña cartos aforrados e sabía que xamais xuntaría os suficientes, polo que tiven que recorrer á única opción que me quedaba.

Naveguei ata Francia, para atoparme cun vello coñecido: M. Lavalet. Coñecérao cando eu era aínda un mozo e el só tiña un humilde posto ambulante. Ambos os dous tiñamos cambiado moito: eu formei unha familia e convertinme en pai, mentres que el triunfou co seu negocio...pero a que prezo. A súa ambición levouno a perder a súa humanidade, e estaba a disposto a facer crueldades inimaxinábeis por diñeiro.

Por moi desesperado que estivese, nunca antes se me ocorrera recorrer a esta opción, mais agora teño algo máis valioso ca miña propia vida: a vida da miña Maruxiña, a miña nena.

Sacrificarme para salvar a miña filla parecíame un troco xusto. Aínda que non tiña garantías de que M. Lavalet fora cumprir a súa parte do trato, era a única solución que atopara.

Guioume por París ata un terceiro piso dunha rúa estreita, onde tiña agochada a súa gran colección de restos humanos.

Arrepioume a visión de moreas de ósos, uns apilados sobre os outros, mais foi a sala de “curiosités” o que verdadeiramente me fixo tremer. Dende un feto momificado ata unha caveira de gorila, ese cuarto albergaba máis maldade da que nunca vira.

Acompañeino ata un laboratorio agochado nun recuncho escuro, onde se atopaba unha solitaria padiola rodeada de instrumentos cirúrxicos e botes de medicamentos.

Como mostra de boa vontade, o francés deume papel e tinta para escribirlle unha despedida a Maruxiña. Tentei explicarlle o mellor que puiden a solución que atopara para o noso problema, mais non lle contei como obtiven os cartos. No seu lugar, fíxenlle saber o moito que a quería e pedinlle que non me esquecese.

A carta foi enviada xunto cos cartos e as miñas esperanzas na cura milagrosa.

Xa nada quedaba para min, tan só o frío da padiola e o sabor amargo da beberaxe que me obrigara a beber.

A escuridade bótase sobre min, e xunto antes de perder a conciencia, vexo unha última luz iluminando eses ollos que tanto amei.

***

Cando M. Lavalet soubo que eu era pintor amostroume unha gran coleición de coiros humáns tatuados e curtidos para facer petacas, carteiras...

Un dos coiros era do peito dun home, representando un paxaro cunha carta no peteiro e debaixo do deseño campaba iste nome: Ramón Carballo.

Comentarios