"Oito noites", por Lucía Davila Galbán
Sinto o frío da padiola de ferro Mentres a procesión baixaba cara o mar e as lanternas tremían nos barcos, foi aí cando a viu. Non contemplara el uns ollos máis cheos de vida, de saúde, ela era xuventude. Alfonso xamais vira unha muller coma Eloísa. Inda era aquel o primeiro día das festas da Guadalupe, máis el atopou axiña unha razón para volver. Naquela noite do 13 de setembro do 1929, sentiu por primeira vez un latido de máis no peito. Ela chamábase Eloísa – ou iso lle dixeron – e viña de Santiago, ou iso dixo ela. Viuna ó lonxe, viuna desfrutar da música, escoitouna e namorouse dela. Xa naquel momento, milleiros de poemas rondábanlle a cabeza, saberá el que non só ían ser pensamentos? “Saberá meu corazón o que viron meus ollos? Contaríanlle miñas pernas como comezaron a tremer?”. Pobre Alfonso, non sabía que aquela muller que acababa de coñecer ía ser máis que unha simple persoa.
“Non sei inda a día de hoxe que é o que tiña esa muller, sería ao mellor seu cabelo cobrizo, serían as luces que a iluminaban, ou a que desprendía ela. Nunca fun un home extravertido, mais foi meu corpo o que me pediu ir onde se atopaba ela".
Achegueime e co suor corréndome polas mans faleille. Se a tenrura tivese nome, sen dúbida eu tiña diante. Con cada sorriso que esbozaba eu escribía, na miña mente, debuxaba ese mesmo sorriso por mor de esquecelo. Presenteime, conteille miña impresión sobre súa beleza e propúxenlle un paseo xuntos”.
Alfonso e Eloísa parecían destinados. Aquela noite, os dous crearon memorias, recordos que nin a idade pode borrar. Pasou o primeiro día, aquela noite ambos chegaron á casa, con ganas de irse a durmir, soamente para volverse a ver ó día seguinte coma acordaron. A tinta bailaba sobre o caderno de coiro de Alfonso. Ela era poesía, el só a escribía. Segundo día, 14 de setembro.
─Chegaches tarde - dixo Alfonso, levando xa 10 minutos no lugar acordado.
─Porque xa sabía que ías estar esperándome – palabras de Eloísa, que a Alfonso non lle causaron máis que risa.
Xa a tarde tornaba escura, e o sol íase a durmir. A música estaba alta.
─Non baila, señor Alfonso? - preguntoulle ela, mentres as bandas interpretaban un paso dobre medio desfeito.
─Non adoito, señorita, pero por vostede mesmo deixaría de debuxar.
Pasaron os días como pasan as notas dunha canción cos ollos pechados: lixeiros, intensos, irrepetibles.
Riron, bailaron, todo xuntos. Pola noite pasearon polas rúas de Rianxo, mentres as bandas tocaban as últimas cancións. Falaron de arte, da terra, do que Galicia era e do que soñaba ser. Nas escaleiras do paseo marítimo atopábase ela, mollando os pés na auga quente do verán. Mentres el, sin que ela o soubera, a debuxaba, a debuxaba con poemas e frases, como adoitaba facer. Pasaron os días como pasan as notas dunha canción cos ollos pechados: lixeiros, intensos, irrepetibles. Bailaron cada noite baixo a lúa, e nos bailes falaban máis cos corpos ca coas palabras. De día paseaban ata o campo de arriba, ela contáballe seus libros favoritos, os poemas que lía ás agochadas, e das tantas veces que soñara con marchar lonxe, saír fora da casa e non deixar rastro. Escoitábaa en silencio, debuxando na cabeza os seus xestos, as tantas pecas que tiña, súa maneira de coller unha flor e esquecela no sombreiro...
“Este home... Non sabía se estaba tolo, ou de verdade era un cabaleiro, pero tiña claro que non me ía arrepentir de gastar as festas ó seu lado...”.
Tan breves foron estes días, que sen darse conta xa era o último. Non falaron do futuro, só viviron o momento. Aquela noite, o 20 de setembro de 1929, Eloísa volveu á casa coma as anteriores, pero non coa intención de volver. Alfonso volveu ó día seguinte ó lugar no que soían quedar, á hora de sempre, esperándoa. Treméronlle as pernas coma a primeira vez que a viu, cando no seu reloxo captou que non daba chegado. Dende aquela noite, comezou a condena, Alfonso pasou a ser Castelao.
Escribiu e escribiu sobre ela e sobre a terra na que a coñeceu.
“Todo isto... Cando Rianxo arrecendía ás noites de verán, o viño e a música, que o inverno agora afoga. Atópome perdido sen esa muller. Pola fiestra do meu fogar vía aquela mesma paisaxe na que antes bailaba con ela, coa man desexosa de debuxar cousas que non doeran, máis só podía imprimir aqueles ollos dos que me namorei. Saberán os médicos como unha persoa pode facer doer o corazón sen tocalo? Saberán eles como resucitar a alguén que inda non morreu?”.
Entón, Castelao, volcou súa vida e súa alma en rememorar a aquela muller, e coas poesías que lle chorou, fixo libros, tantos sobre amor coma tantos sobre súa terra. Defendeu a lingua que falada por aquela muller lle daba anos de vida... De igual maneira, casou, casou con outra muller, outra que non puido facelo olvidar a Eloísa, e de igual maneira tamén, seguiulle escribindo:
“Dispóis do que me fixeches xa non che teño afición, cantan outros paxariños dentro do meu corazón”.
Libros coma “Os vellos non deben de namorarse” , “Sempre en Galiza”... Pobre Alfonso, non sabía que aquela muller que cría coñecer ía ser máis que unha simple persoa, foi a razón pola cal manchou súas mans de tinta. Efectivamente, non só foron pensamentos, foron sentimentos, que compartiu co pobo galego inda tendo a esperanza de volvela a ver, coma se ela fose chegar a lelo.
Ó verse obrigado a fuxir de Galicia a Arxentina, falou e falou inda máis daquel pobo e daquela muller, coma se alguén noutro país a fora a coñecer. Din os novos Rianxeiros, que antes de morrer, xa estando exiliado, levou con el tres pequenas cousas nunha maleta de coiro marrón. Unha delas era a bandeira de Galicia, uns tantos debuxos dunha muller, e un pequeno caderno cheo de poemas sen nome. Ese nome do que el non ía esquecer máis.