"A luz que volve dende Rianxo", por Andrea Fungueiriño Romay
Sempre quixen ser invisible na cidade. Santiago era un lugar de pedra e présa, feito para camiñar sen mirar atrás, para esquecerse un mesmo entre facultades, rúas estreitas e bibliotecas silenciosas. Viña de Rianxo, un recuncho pequeno pero intenso, onde o mar ten alento no aire e o corazón se abre sen reservas. Sentía que a capital me ía comendo aos poucos, como un monstro silencioso que fagocita as raíces. Estudaba Dereito por obedecer, por cumprir co que se esperaba, mais cada día sentía que algo me faltaba. Era como quen anda co corpo enteiro, pero coa alma esquecida nun banco vello, mirando ao mar coa melancolía de quen xa non se recoñece.
Rianxo nunca marchou. Quizais fun eu quen me afastou, mais aquela vila coa súa ría, as casas baixas de pedra e os nomes vellos das rúas seguía dentro de min, como unha melodía que non se esquece. Lembraba as noites de verán na praia, a música das gaitas na alborada, a procesión da Guadalupe coas súas luces e fervor. Lembraba á miña avoa, que falaba dos mariñeiros e das promesas feitas diante da capela da Virxe. Rianxo era o fío que me unía a unha identidade que a cidade ameazaba con borrar, coma un lenzo que alguén tenta pintar por riba sen limpar o anterior.
Nun ciclo sobre pensamento galego apareceu el. Un home maior, que asistía ás clases por pracer. Chamábase Daniel, pero todos lle dicían Castelao. Non só polo nome, senón pola ollada fonda, chea de experiencia e fe na xente. Achegouse e preguntoume:
—De onde es ti?
—De Rianxo —respondín, sen pensar.
—Entón ti sabes. Sabes do mar, da festa, da loita. ¿Vas á Guadalupe este ano?
Non souben que dicir. Levaba anos sen ir. A universidade, o tempo, a vida… fóronme afastando do que fora. Esquecera o cheiro do mar en setembro, os barcos engalanados, a música das gaitas ao amencer. Esquecera a miña vila como se esquece un soño, esvarando entre os dedos sen querer.
Daniel non insistiu. Deixoume unha nota que gardo como un tesouro:
“Rianxo non é un lugar. É unha maneira de lembrar quen es”.
E soñei. Soñei coa praza de Castelao, cos bancos de ferro, co chan quente de sol. Coas redes no porto, co vento traendo voces do mar. Coa procesión da Guadalupe, as casas iluminadas, os foguetes como oracións, as bágoas e as risas mesturadas. Soñei comigo alí, enteira, completa, de novo en casa.
Porque Rianxo é iso: unha presenza que queda mesmo cando pensas que marchaches.
Ten mar e monte, ten memoria e palabra. Resiste ao tempo non con heroicidades, senón con xestos pequenos: os nomes das rúas, o saúdo agarimoso da xente, o pan acabado de cocer. É unha resistencia humilde pero forte, persistente, coma o rumor do mar cando xa ninguén o está escoitando. Cada pedra conta unha historia, cada esquina garda unha lembranza de quen fomos e aínda somos.
Fun voltando. Primeiro no pensamento, logo nun tren, despois por fin andando pola rúa de
Abaixo. Mirei o antigo Cine Alonso, xa calado, pero cheo de ecos. Subín á Pena do Vento,
ollei a ría coma quen mira unha cara querida. Sentín a vila enteira respirando, e por primeira vez en moito tempo, eu tamén respiraba.
Volvín á Guadalupe. Sempre se volta. Os barcos cruzaban a ría, vestidos con bandeiras e flores. A Virxe no barco principal, e o mar cheo de promesas renovadas. A xente cantaba, bailaba, choraba. Era romaría, si, pero tamén resistencia e identidade, unha celebración do que somos e do que nos negamos a esquecer. A festa tiña ese poder ancestral de reunirnos e de curarnos, coma se a memoria compartida nos cosese por dentro.
Daniel morreu meses despois. Fun ao seu enterro. Alí estaban todos. Falaban del como se fose un dos nosos. Na súa lápida puña:
“Aquí repousa Castelao. Un de Rianxo, aínda que non nacese alí.”
Entendín. Rianxo non é só unha vila. É unha patria pequena que levamos dentro, unha forma de estar no mundo. É unha luz que non se apaga. É o latexo silencioso que nos chama a recoñecer quen somos, e tamén quen queremos ser, sen medo nin disimulo.
Castelao, o verdadeiro, nacera alí. Desde a rúa de Abaixo faloulle ao mundo enteiro. A súa arte non era só debuxo ou palabra: era compaixón e denuncia. En cada trazo, unha Galicia digna; en cada frase, unha alma que non se rendía. As súas imaxes non eran neutras: tiñan feridas, loita, humanidade. Falaba dos esquecidos como quen lles dá un lugar na historia.
Cando leo as súas cartas ou vexo os seus debuxos, sinto que me fala. El sabía que a identidade non se leva no carné, senón no corazón. Que ser de Rianxo é ser de todos eses lugares humildes onde a xente loita por vivir con dignidade, mesmo sen que ninguén os mire. A súa memoria convértese nunha guía silenciosa, nunha man que empurra cara ao futuro sen esquecer o pasado.
Castelao é máis que unha estatua. É unha conciencia. Proba de que un lugar pode dar ao mundo unha idea. Nós, os que vimos despois, temos a obriga de manter viva esa memoria. Non hai que ser artista nin político. Abonda con lembrar e coidar. Con transmitir, co exemplo, o amor pola nosa terra.
Levar Rianxo comigo é lembrar quen son. E iso, hoxe, é unha forma de liberdade
Agora, cando volvo á cidade, xa non quero ser invisible. Quero que se note que veño de alí. Porque levar Rianxo comigo é lembrar quen son. E iso, hoxe, é unha forma de liberdade.
Hai lugares que nos fan. Rianxo é o meu. E cada vez que escribo, falo ou soño, esa luz que nace entre pedra, vento e mar… volve comigo.
E coma Castelao, mesmo na distancia, sigo falando dende alí.
Porque ser de Rianxo non é só un feito: é unha responsabilidade.
Unha herdanza que non pesa, senón que alenta. Un faro.
E mentres exista quen a lembre, Rianxo seguirá falando. Sempre.