Contracultura

Lupe Gómez: "Creo moito no que nos contamos as mulleres e na amizade entre as persoas novas e as maiores"

A escritora Lupe Gómez dedica os seus poemas ás veciñas da súa aldea, Fisteus, en Curtis. (Foto: Arxina)
Lupe Gómez, poeta e xornalista, vén de ser recoñecida co Premio Manuel Lueiro Rey pola súa obra 'Salón de Té'. Gómez aborda a creación e a recuperación da memoria a través das figuras da súa infancia xa que son, como ela di, “mulleres luminosas, que me transmitían moita luz”.

—Como xurdiu Salón de Té?
Foi máis ou menos hai un ano, que é o tempo que me leva normalmente facer un libro. Os títulos para min son moi importantes porque a partir desa palabra ou palabras iniciais xorden outras e este naceu un día que estaba tomando un café no Airas Nunes, en Santiago. 

Chegou unha turista á parte de atrás e dixo que lle parecía como un salón de té. Esas palabras acenderon na miña cabeza unha luz, porque para min un salón de té é un lugar moi tranquilo e elegante, ligado tamén ao que me suxire a cerimonia do té: ter coidado das persoas e do propio lugar. 

Este libro forma parte dun proxecto máis grande, o de escribir sobre veciñas miñas de Fisteus, mulleres luminosas, que me transmitían moita luz. O primeiro foi Coplas a Lola (Premio de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, 2020) que foi para Lola, coa que eu tiña moita confianza e que apareceu morta xunto ao seu fillo e o seu marido pola inhalación de monóxido de carbono. 

O segundo poemario é Muiñeira da Pinguela (Premio Manuel Leiras Pulpeiro, 2021) que está dedicado a outra veciña miña que era muiñeira. Así, con este, forman unha triloxía, aínda que hai outro libro que aínda está inédito. 

—Como foi o proceso de construír estas historias?
A miña tía Lucita ten agora 85 anos e sempre lle gustou moito escribir e o facía moi ben aínda que non tivera estudos superiores. Hai uns anos animeina a que escribira as súas memorias e deime de conta de que había moito material poético e literario que a min me servía para traballar. Así comecei a facerlle entrevistas os sábados cando na aldea; mentres comemos caldo ela vaime contando esta memoria, historias que ás veces son moi doces e outras son brutais e duras. 

É moi boa narradora oral porque é moi realista, crea sensacións moi corpóreas, algo que está presente en Camuflaxe (Chan da pólvora), o libro que escribín cando morreu miña nai. Creo moito na transmisión oral, no que nos contamos as mulleres e na amizade entre as persoas maiores e as máis novas.

Salón de Té está composto por tres partes. A primeira, Sixilo, fala da experiencia de camiñar, algo que para min é moi importante. É como ir de viaxe todos os días, aínda que só vaia a rúa de San Pedro ou do Preguntoiro. Nese acto de camiñar é no que se constrúe a miña escrita. 

A parte central está dedicada a Pilara da Fraga. A súa casa debía ser a máis pequena da miña aldea, porque non tiña ventás e había unha única estancia. Con todo, a miña imaxinación lémbraa como unha casa moi grande e chea de luz, algo que é imposíbel, mais pola decoración, elegante e sobria, para min era un lugar moi agradábel. 

Esta parte é como un día da súa vida desde que se ergue pola mañá, quentando o leite na cociña e vestíndose cun vestido como se fose de hedra, pasan escenas da aldea e remata cando Pilara vai para a cama e se sente namorada, como nos sentimos as mulleres solteiras e que vivimos soas porque estamos tranquilas sen rifar con ninguén.
A terceira parte, Delicadeza, está construída con pensamentos poéticos, moitos sobre un lugar moi interior que é agradábel e no que tomas té con máis xente. 

—Precisamente, o xurado salientou ese mundo tan persoal, que tamén é universal
Para min a literatura é como un xogo no que hai moita fantasía e surrealismo, risos e dor. E aínda que eu ás veces teña a sensación de que non podo compartir con moita xente o meu mundo local é certo que son sentimentos universais. 

Cando recibín a chamada do premio sentinme moi contenta, porque admiro moito e teño moito agarimo por todas as persoas do xurado. Sobre todo ilusionoume que lle gustase ao presidente do xurado, Luís Cochón, porque é unha persoa con moitísima cultura literaria ao que admiro pola súa sabedoría e pola súa forma de escribir.