Pegadas do 'Delas Fest'

Os feminismos na conquista dos muros

As pegadas do Delas Fest, o primeiro festival feminista de arte contextual en Europa, xa forman parte da paisaxe urbana de Ames, Compostela e Teo. Oito intervencións froito do diálogo das creadoras con colectivos locais constrúen o público como territorio de reivindicación e empoderamento

Mural Dúo Amazonas no túnel da estrada Luou-Solláns (Teo). Parte 3.
photo_camera Mural Dúo Amazonas no túnel da estrada Luou-Solláns (Teo). Parte 3.

Compostela, Ames e Teo contan xa entre os seus muros con oito novas intervencións artísticas, pegadas dos feminismos que tomaron de 9 a 15 de decembro o entorno da comarca de Santiago. Delas Fest, o festival de arte contextual organizado pola cooperativa cultural 7H, visibiliza o traballo das artistas, con obras "non simplemente de mulleres, senón que fosen feministas", explica a Nós Diario a comisaria, Clara Rodríguez Cordeiro.

Contra a invisibilidade

“O anonimato de moitas intervencións ilegais ou alegais non axuda, presúmese que son homes ou colectivos nos que o individual desaparece na masa masculina”, explica Cordeiro

As estatísticas, non só a nivel galego, senón estatal, amosan unha presenza moi reducida das mulleres nos festivais de arte urbana máis prestixiosos. Un dos argumentos nos que se escusan é que hai poucas artistas, ou mesmo que non chegan aos estándares mínimos de calidade, cousa que Cordeiro desmente por completo. Esta dinámica aparece como no eido musical, sinala a coordinadora, incrementada por algunhas particularidades das intervencións deste xénero. “O anonimato de moitas intervencións ilegais ou alegais non axuda, presúmese que son homes ou colectivos nos que o individual desaparece na masa masculina”, explica.

A nocturnidade na que se desenvolven estas actividades, máis perigosa para as mulleres, tampouco é un factor amigábel para moitas artistas, até o punto de que algunhas se viron obrigadas a deixar de pintar despois de malas experiencias. Aínda Lina Castellanos, integrante de Dúo Amazonas, durante a elaboración do mural no túnel da estrada Luou-Solláns (Teo).que houbo mulleres desde os comezos do graffiti, moitas eran excluídas das bandas de homes e afrontaron unha serie de estereotipos ou condicionantes que remataron, en moitas ocasións, por borrar a súa pegada.

Pioneiras

A necesidade deste proxecto xorde dunha ausencia case absoluta de literatura académica ao respecto. "Se xa hai pouco escrito sobre arte urbana, menos aínda sobre xénero", comenta Cordeiro. Detectando isto, 7H desenvolveu o programa educativo Elas tamén pintan, ao abeiro dos orzamentos participativos do Concelllo de Compostela nos anos 2017 e 2018, co que revisaban a arte urbana en clave de xénero, cunha perspectiva histórica e de análise de exemplos existentes na cidade, rematando sempre cunha intervención colectiva coa mocidade.

"Se xa hai pouco escrito sobre arte urbana, menos aínda sobre xénero", comenta Cordeiro

Delas Fest é un festival pioneiro, pois trátase do primeiro evento feminista de arte urbana e contextual de toda Europa. "Cando comezamos tiñamos a sensación de que ao ser periferia esta problemática nos chegaba tarde, porén, descubrimos que case eramos as primeiras en pór o foco de atención nestas cuestións". 7H súmase neste senso a un traballo que se desenvolve en rede a nivel internacional, que as conecta con colectivos de todo o mundo que veñen reivindicando non só a ausencia de mulleres nos carteis dos grandes festivais de muralismo, senón discriminacións de tipo económico como que se lles outorguen os espazos de intervención máis pequeno e, polo tanto, menos remunerados.

Arte contextual: desde o local para o mundo

O evento defínese tamén como un “festival contextual”, pois para a filosofía de traballo de 7H a contorna ten unha relevancia capital, xunto aos conceptos de comunidade e colectivo. Por iso, non se limitaron a oferecer ás artistas as medidas dos muros, como acontece en moitos eventos internacionais, senóMural O Milladoiro, de Btoy. Figura principaln que fomentaron a relación das participantes con distintas asociacións ou espazos feministas da zona, que actuaron como anfitrioas para lles explicar as distintas situacións dos lugares nos que ían intervir, respectando sempre unha liberdade creativa absoluta.

Ademais, Delas Fest non quere contribuír á xentrificación como fan outros festivais internacionais, case "como un lavado de de problemáticas urbanas que non se solucionan coas pinturas", denuncia Cordeiro, senón que mesmo coa creación artística poden chegar a aumentar o prezo dos edificios ou da vivenda da zona, como pode ser o caso do festival de Pinta Malasaña en Madrid. Para 7H é interesante o feito de os proxectos naceren no contexto, de tal xeito que resulten unha experiencia enriquecedora para as dúas partes: a das artistas e a da contorna.

Tecer as redes da sororidade

 A obra que Lorena Cosba desenvolveu na casa do Matadoiro en Compostela é un claro exemplo disto. A partir de fotografías de representantes das asociacións que habitan a casa, retratadas "na posición que lles facía sentir máis cómodas", elaborou un mural de gran formato. Un conxunto de fíos unen os retratos nun tapiz de sororidade, en representación "desas redes que unen as mulleres", conta a artista, "aberto a que calquera colgue unha mensaxe, nunha dinámica que pretende xogar co público".

Delas Fest demostra "que o espazo público tamén é noso e temos dereito a expresarnos nel", resume a comisaria

Para Cordeiro, unha das prioridades do festival é visibilizar e empoderar, demostrando "que o espazo público tamén é noso e temos dereito a expresarnos nel". Na Galiza hai ademais unha canteira potente de mulleres que cada vez acadan máis visiilidade: Lula Goce, Doa Oa, Nana, Lidia Cao,  Lupita Hard, Xoana Almar... Elas, que tamén pintan e conquistan os muros.

Instalación fotográfica de Lorena Cosba na Casa do Matadoiro de Santiago de Compostela

 

 

Foto 1. Lina Castellanos, integrante de Dúo Amazonas, durante a elaboración do mural no túnel da estrada Luou-Solláns (Teo). Cedida por 7h Cooperativa Cultural.

Foto 2. Mural O Milladoiro, de Btoy. Figura principal. Cedida por 7h Cooperativa Cultural.

Foto 3. Instalación fotográfica de Lorena Cosba na Casa do Matadoiro de Santiago de Compostela. Cedida por 7h Cooperativa Cultural.

Comentarios