Lugo acollerá unha programación paralela á entrega dos Mestre Mateo
A deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, e a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza do Concello de Lugo, Cristina López, achegáronse esta quinta feira á Facultade de Humanidades, onde convidaron o estudantado do Grao de Servizos Culturais e do Mestrado de Servizos Culturais a participar das actividades que se celebrarán na cidade arredor dos Premios Mestre Mateo.
Iria Castro e Cristina López participaron nunha clase con estudantes de materias relacionadas coas industrias culturais e os medios audiovisuais, con quen compartiron as implicacións da colaboración coa Academia Galega do Audiovisual para a organización da gala que se celebrará o vindeiro 21 de marzo no Auditorio Fuxan os Ventos da cidade.
Destacaron ademais a vontade das dúas institucións —Deputación e Concello— de crear unha programación estendida ao longo de dous meses para promover a implicación da cidadanía nos premios e socializar a importancia do sector audiovisual.
A Academia Galega do Audiovisual desvelou esta terza feira que a actriz Trisha Fernández e o actor Federico Pérez serán os encargados de presentar a gala de entrega dos premios en Lugo e que a realizadora Marta Arévalo dirixirá o espectáculo.
