Luces, música e 6.000 persoas: The Rapants transforman o Multiusos do Sar nunha discoteca
A banda de Muros presenta o seu novo disco, Rapants Club, nun espectáculo que transformará o recinto nunha gran festa. O Concello habilita autobuses lanzadeira e reforza a seguridade para garantir a mobilidade.
O grupo The Rapants actuará este sábado no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela nun concerto que reunirá arredor de 6.000 persoas. A banda promete transformar o recinto nunha "gran discoteca" co seu novo espectáculo Rapants Club.
O concerto arrincará cunha proposta pensada como unha festa desde o primeiro momento. As portas abrirán ás 19 horas e a actuación principal comezará ás 21 horas, tras o concerto do grupo compostelán Ulex, que exercerá de teloneiro.
A formación, integrada por Samuel, Xanma, Matías e Xaquín, destacou a importancia de actuar no Multiusos. Para eles, é un espazo ligado á súa experiencia musical desde a adolescencia, polo que consideran a cita especialmente significativa.
Un espectáculo pensado como festa
The Rapants avanzan un formato de concerto diferente, no que o público terá un papel central. A idea é converter o pavillón nunha discoteca con elementos escénicos propios deste ambiente.
A banda promete sorpresas desde a apertura de portas e anima á asistencia anticipada. O espectáculo incluirá iluminación e recursos visuais característicos dunha sesión de baile, co obxectivo de crear unha experiencia inmersiva.
Tamén puxeron en valor a presenza de Ulex como grupo convidado, ao que cualifican como unha das propostas emerxentes da escena local: "Son uns chavales moibos".
Dispositivo especial de mobilidade e seguridade
O Concello de Santiago activou un dispositivo especial para garantir o desenvolvemento do evento. O operativo busca asegurar unha "mobilidade ordenada" e evitar incidencias no acceso e saída do recinto.
Estabelécese un reforzo do transporte público con autobuses lanzadeira. O servizo de ida funcionará entre as 18 e as 21 horas, con saídas desde a rúa da Rosa e conexións a través da liña C11, que circulará cada 15 minutos.
Para a volta, habilitarase tamén un servizo lanzadeira desde as 22.45 horas até o desaloxo completo do recinto.
O dispositivo contará coa participación da Policía Local e de Protección Civil. Incrementarase o número de patrullas para garantir a seguridade durante o evento.

