Loita Amada estrea novo disco e unha xira "moi potente"
Loita Amada presenta esta semana en directo en Compostela o seu novo traballo discográfico, Resistir é vencer. O grupo, liderado por Pablo Carracedo 'Jásper' (A Estrada, 1979), escolleu para a estrea un lugar especial da cidade, a Gentalha do Pichel, e un formato pouco habitual de dous días –esta sexta feira e o sábado– con concertos e varias actividades complementarias. A intención desta escolla, como indica Jásper en conversa con Nós Diario, é "pendurar lazos e remover conciencias, porque crear comunidade é resistir".
"Notamos unha distorsión entre o que son as redes sociais e a realidade, tamén no mundo da música, e non queremos ser só unha banda no escenario polo que decidimos interactuar co público", afirma Jásper. Por iso, co "obxectivo de verse fisicamente", elaboraron a idea de organizar este evento "nun lugar que leva anos traballando a nivel cultural e contracultural".
Por iso buscaron "un ambiente familiar onde haberá unha exposición de agradecemento a Mire e Alba, coas que levamos tempo traballando, e un coloquio con Kaki Arkarazo, Gonzalo Grela, Xiana Lastra e mais Laura Romero".
Nas xornadas tampouco faltará un xantar, "o espazo onde mellor convivimos as galegas e os galegos", engade Jásper.
'Resistir é vencer'
Após os seus dous primeiros discos Viva a Loita Amada revolucionaria! (2022) e Rematou o simulacro (2024), con este novo traballo o grupo formado por Jásper, Davide Salgado, Alberte Fernández, Xiana Naval, Ana Novo e Amós Varela consolida a súa aposta polo rock e a reivindicación. "Hai temas que lembran o xenocidio en Palestina mais tamén lembramos que este país construírono as nosas avoas e os nosos avós", indica Jásper.
No traballo contan con colaboracións "de luxo" como a de Joseba Tapia, Mini Rivas ou Nuno García de Grande Amore. Para os directos gustaríalle cadrar tamén con Vituco Neira, de Ruxe Ruxe, e con "algunha que outra sorpresa que aparece no disco".
Loita Amada estreará as novas cancións en Compostela mais xa ten varios compromisos apalabrados por todo o Estado e mesmo por Europa. "Coa experiencia da anterior esta xira será moi potente. Contamos con estar na cidade suíza de Xenebra", confirma Jásper.