Jásper, músico e profesor: "Loita Amada é o compoñente crítico da escena galega"
Pablo Carracedo, 'Jásper' fai parte desde hai máis de 30 anos da escena musical da Galiza, desde 2021 lidera Loita Amada, formación que abandeira a canción protesta inspirada en Voces Ceibes. Jásper conversa con Nós Diario arredor da música, a escena galega, a lingua e as “loitas” no país.
Que aconteceu entre o fin de Nao, o seu anterior grupo, e o nacemento de Loita Amada?
No ano 2019 tomei un descanso merecido despois dos 14 anos que foi Nao. Cando Nao acabou tiñamos claro que non queríamos deixar a música pero si críamos que Nao tiña que acabar, xa fixeramos o que tiñamos que facer e decidimos parar. Veu a pandemia e aí xa ninguén se formulaba facer nada novo, e despois eu empecei a tocar con Néveda nalgún concerto solidario cancións que tiña compostas e versións de canción protesta históricas, desde Lluís Llach a Pantxoa eta Peio, Suso Vaamonde ou Víctor Jara. Despois pensamos facer un disco pero non tiñamos grupo, gravamos un disco e a raíz de aí busquei músicos contratados, pero isto non nos satisfacía 100% nin a min nin a Néveda, e foi evolucionando o proxecto até o que temos agora mesmo.
En que punto está na actualidade Loita Amada?
Agora mesmo a banda que temos está integrada 100%, levamos case un ano xuntos e gravamos o disco novo xa orientado no que me satisfai como músico, cos mesmos principios que con Nao. Agora estamos moi contentos e desexando saír con todo isto adiante e xirar. Non nos queixamos porque este verán parecía que ía ser tranquilo e había pouca cousa, pero están saíndo bolos con moitísima xente. Estamos tocando case todas as fins de semana, co cal estamos encantados. Vemos que aínda que o grupo foi un pouco un experimento nun principio, agora está consolidando e estamos moi contentos.
Está sendo un verán con moita actividade?
Estanos sorprendendo porque non temos o típico verán que sabes os festivais como o ano pasado, estamos tocando con concellos maioritariamente, estivemos xa na Illa con moitísima xente, en Moaña, que houbo arredor de 3.000 persoas, e agora imos estar en Negreira; nas festas de Caldas, tamén nas festas de Bilbo, e moitas cousas que non podemos anunciar aínda. Estamos con moita alegría.
Loita Amada ten moito de canción protesta...
Neste novo disco colabora Joseba Tapia, un dos grandes trikitilaris de Euskadi, cun repertorio enorme de cancións tradicionais éuscaras. En Euskadi a canción tradicional non é protesta, se é política é “carlista” ou “anticarlista”, non hai como tal canción protesta. Na Galiza hai canción tradicional antifranquista, republicana, cun compoñente crítico enorme político e social. Para nós, os referentes é toda a xeración de Voces Ceibes, que son referenciais, e é algo que aprendemos de vellos. Levo 30 anos tocando e sempre tiven grupos cun compoñente crítico político. Con Loita Amada temos claro que somos ese compoñente crítico da escena galega que se está perdendo. Notamos que na nova escena galega cada vez pásase máis de perfil ou incluso renúnciase a iso. Temos claro que dentro da escena galega nós si que somos ese grupo ao que non lle importa mollarse nas loitas, defendémolas, facémolas propias e amplificámolas, que para iso estamos, ese é o noso obxectivo.
Cree que se está perdendo o carácter reivindicativo da escena galega?
Si. Levo tendo grupos desde hai 30 anos e si que noto que a xeración actual de bandas que existen no panorama é a vez histórica que menos canción protesta existe ou que menos compoñente crítico hai, mesmo de compadreo co poder, que nunca pasou. Hai unha cousa moi boa que ten a escena actual que é a profesionalización, hai máis cachés e a xente pode vivir da música, é unha loita que todos levamos moito tempo dando. Pero unha vez que o conseguimos, para que? Que facemos con ela? Sacamos a foto con eles nos festivais que nos subvencionan, lavámoslle a cara ao secretario xeral de Política Lingüística ou ao conselleiro de Cultura do Goberno máis antigalego. Para min é indigno, nin o comparto nin o respecto. A profesionalización pola que loitamos non debe ser baixar os pantalóns, hai exemplos como as Tanxugueiras, que están aló arriba e non baixaron os pantalóns.
Cal é o compromiso social e co país en Loita Amada?
Seguir loitando polo ben común, pola dignificación da nosa cultura, e sobre todo por cousas graves como o xenocidio sobre o pobo Palestino, Altri ou a mina de Touro. Estar aí dando a batalla e situándonos publicamente. Aproveitamos cada concello ao que imos para falar de Palestina, Altri e a mina de Touro, son as tres grandes reivindicacións que estamos levando nos nosos concertos a todas as partes as que imos.
Fixeron 'O seu puñal', a primeira canción sobre o proxecto da celulosa de Altri na Ulloa...
Naquel momento empezaba a falarse do tema de Altri e nós tivemos unha reflexión no local de ensaio, daquelas a nós nos preocupaba máis o tema dos eólicos antes de que chegara o tema de Altri, sabiamos que era unha batalla que tiñamos que dar. Non é un problema que afecte só á Ulloa, afecta toda Galiza pola eucaliptización, pero tamén ao río Ulla e á ría de Arousa. Penso que niso fomos pioneiros en tentar darlle esa visión grupal. Era pór o noso grao de area, facer unha canción que tocase a sensibilidade da xente e que fosen conscientes do problema que se nos ven enriba.
Loita Amada canta en galego, cal é a relación entre a lingua e a música?
Hai moitos grupos galegos referenciais para a xuventude, leva sendo así moitos anos, a día de hoxe son As Tanxugueiras, As Fillas de Casandra, Mondra ou os Rapants, pero isto non chega, nós como músicos temos que dar maior batalla non só cantar en galego, tamén traballar para que desde as institucións se deixe de destruír o galego, aí tamén hai que posicionarse. Eu o que non podo é lavarlle a cara aos conselleiros de Cultura ou Educación cando prohiben dar as Matemáticas en galego. Como non haxa inmersión lingüística plena en galego isto é inviábel. Non chega só con que cantes en galego, hai que ir un pouco máis aló.
No tema educativo ten experiencia en primeira persoa como mestre de Primaria..
Son insubmiso ao decreto [decreto de Plurilingüismo da Xunta da Galiza], dou as aulas en galego e dógoo publicamente e cando queiran que veñan e me expedienten se se atreven. A nivel de ensino tamén veremos o vindeiro curso que vai pasar con iso da “neutralidade ideolóxica”. Hai profesorado que imos dar a batalla. Vou explicar os perigos de Altri se falamos de medio ambiente, por exemplo.