Lois Diéguez centra o 'Sermos Galiza' desta fin de semana

Neste novo número do semanario analízase tamén a loita do pobo saharauí.
Detalles do 'sermos' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).
photo_camera Detalles do 'sermos' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez a protagonista é a entrevista á Lois Diéguez que trata a súa última novela, As voces amadas, editada pola editorial Galaxia

Montse González entrevista Diéguez nunha conversa en que abordan temáticas como a robotización da sociedade actual, ou o que significa ser galego. “Neste libro, estiven traballando durante catro ou cinco anos”, indica Diéguez na entrevista.

A loita do pobo saharauí

Abre este número do Sermos, unha reportaxe a cargo de Blanca Gefaell que trata a loita pola liberdade do pobo saharauí a travñes dunha proba deportiva. “O 28 de febreiro, un día despois do 47 aniversario da creación da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), desde un dos sete campamentos saharauís de Tinduf, máis de 300 persoas de 26 países lanzáronse a atravesar o deserto establecendo unha conexión simbólica entre tres campos de refuxiados”, relata Gefaell na reportaxe que inclúe o semanario desta semana.

Previamente, na páxina de apertura, a escritora Olga Novo, ofrece unha reflexión titulada Por amor, na cal analiza o papel da poesía.

Rito e mito

A segunda reportaxe do semanario foi elaborada por Manuel Xestoso e nela escribe sobre Xulio Gil, un fotógrafo que, en palabras de Xestoso “entende o seu traballo como unha expresión artística que non admite desvíos”

Xestoso explica que “entre o mito e o rito. Entre a natureza e a civilización. Nese espazo sitúanse as fotos que exhibe Xulio Gil en Símbolos do conflito, a exposición que se pode ver até o vindeiro 27 de marzo no edificio Castelao do Museo de Pontevedra”.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, o Tensi Xesteira e Manuel Barreiro analizan na sección de libros dúas obras.

No caso de Xesteira, analiza a obra Carol de Patricia Highsmith, unha obra que segundo Xesteira “conta a historia de amor que xorde entre Therese, unha moza de dezanove anos que traballa nuns grandes almacéns e que soporta a diario o aburrimento da rutina, e Carol, unha muller madura”.

No caso de Barreiro, analiza Nabiza Girl, unha obra de banda deseñada que para Barreiro trata a historia de “Chelo García Naveira, unha rapaza que logo de verse exposta a un exceso de sulfatos acadou superpoderes”.

No apartado musical, Olga Brañas analiza o disco Algo que sinalar de Lamontagne e Picoamperio. Para Brañas este é un disco cuxo fío condutor “non é a escolla do repertorio, senón a homoxeneidade sonora”

Pola súa parte, Guillerme Ignacio Costa trata no seu artigo as Atrevidas do Vinte e Tres. “O réxime fascista e o seu nacional-catolicismo prohibiran o Entroido”, indica Costa.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme The Quiet Girl, unha obra do irlandés Colm Bairéad. Segundo Castro “estamos ante un filme, en esencia, amábel e positivisto”.

Sole Felloza inicia a sección Patrimonio oral cun artigo sobre as Gardiás da Memoria, do concello de Vila de Cruces. “Visitar San Salvador de Camanzo [concello de Vila de Cruces, na comarca do Deza] con Flora era outra cousa. As súas mans cheas de chaves guiábante polo que quedaba do mosteiro”, indica Felloza.

Pola súa parte, Lorenzo Armental ofrece ideas para mellorar as nosas rúas na sección de arquitectura.

Pepe Barro, na sección de Deseño analiza a Farmacia Couceiro de Betanzos.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios