Presentación na Biblioteca Provincial da Coruña

Un libro en lembranza de Álvaro Cebreiro

Debuxo de Álvaro Cebreiro. (Foto: Culturagalega.org)
Ás 11.30 horas desta cuarta feira ten lugar a presentación do libro Álvaro Cebreiro 1903-1956: caricatura, humorismo, ilustración, de Xesús Torres Regueiro, no día no que se cumpren 100 anos da súa primeira mostra na Coruña, na sede das Irmandades da Fala das que formaba parte.

Na obra que agora se presenta, Xesús Torres Regueiro afonda na figura de Álvaro Cebreiro, "considerado un dos mellores caricaturistas galegos, que se dedicou tamén á viñeta humorística, ás estampas paisaxísticas a gouache ou témpera, á ilustración de libros e ao cartelismo".

Torres Regueiro destaca tamén que Cebreiro asinou xunto con Manoel Antonio o manifesto Máis Alá! en 1922 e foi dinamizador de publicacións e de intercambios coa cultura portuguesa.

Na presentación, acompañan o autor, o deputado de Cultura, Xurxo Couto e o cuñado de Cebreiro, Alfonso Posse.

Adaír García, premio de arte gráfica da Deputación

A obra 19.040671,98.198711, do mexicano José Adaír García, resultou gañadora do XV Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica.

Este galardón está convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña. O xurado escolleu esta obra entre un total de 80, procedentes de 15 países distintos.

Da obra de Adaír García Sánchez, elaborada coa técnica de augaforte, o xurado destacou a “súa capacidade para a creación de micro narrativas gráficas, traballando con documentos onde a memoria e a lembranza se relacionan a través de linguaxes plásticas nunha sorte de arquivo visual”.

"Cun método de impresión tradicional, como o augaforte, o gravado convértese nunha extensión dos procesos de arquivo e a imaxe resólvese nun palimpsesto visual", comentan.