martes 21.01.2020

O BNG procúrase na "rebeldía, ruptura e vangardismo” do 'Máis Alá'

O Bloque quere impulsar a partir da XV Asemblea Nacional unha iniciativa, baixo o título do manifesto suscrito por Manoel Antonio e Álvaro Cebreiro, para un diálogo e debate aberto coa sociedade.

O BNG procúrase na "rebeldía, ruptura e vangardismo” do 'Máis Alá'

O relatorio do BNG a debate na súa XV Asemblea Nacional contempla que neste conclave tome pulo unha nova iniciativa de diálogo coa sociedade galega, idea que leva como nome xenérico 'Iniciativa Máis Alá', título que remite á "rebeldía, ruptura e vangardismo que inspirou o Manifesto Máis Alá, publicado o 28 de xuño de 1922 por Manoel Antonio e Álvaro Cebreiro". Tería como obxectivos socializar o debate sobre "a estratexia a seguir polo BNG", obter elementos de análise "sobre a percepción social" que existe na Galiza arredor da fronte nacionalista e "definir colectivamente as liñas mestras que permitirán abrir unha nova etapa no proxecto político do nacionalismo". 

'Maís Alá' viu a luz o 28 de xuño de 1922. Como lembran en decatroacatro.pressbooks.com Manoel Antonio redacta o manifesto Máis Alá coa leve colaboración do debuxante Álvaro Cebreiro, e comezan a espallalo por toda a xeografía cultural da época, mesmo enviándoo a revistas francesas, italianas e checoslovacas, a unha norteamericana e a outra holandesa. O texto galego ía acompañado, naturalmente, das correspondentes traducións ao inglés e ao francés. Un manifesto vangardista que o xornalista e poeta Daniel Salgado definiu como “a primeira labazada en chave de guerra civil interna do galeguismo cultural, [un manifesto que] supuña un chamado á independencia estética e unha detonación no centro do conservadurismo chauvinista”.

'Máis Alá' pode lerse, nomeadamente, como un chamado de inconformismo, tanto en chave persoal dos autores, como xeracional e tamén nacional

A versión que saíu do prelo, embora a polémica e debate que xerou nos círculos do galeguismo, rebaixara bastante o 'ánimo demoledor' dos primeiros borradores, cando Manoel Antonio e Álvaro Cebreiro sinalaban con carraxe inconformista persoeiros galeguistas. O sector mais conservador do galeguismo, como o que daquela leva as rédeas das Irmandades da Fala, viu no manifesto un ataque político concebido por Antón Villar Ponte.

'Máis Alá' pode lerse, nomeadamente, como un chamado de inconformismo, tanto en chave persoal dos autores, como xeracional e tamén nacional. Pasou á historia da literatura galega como o seu manifesto irreverente e sobardou o ámbito literario para ser asumido desde perspectivas políticas como un manifesto 'arredista', na terminoloxía da altura. Foi, é, un texto de vangarda, radical, rupturista e galego.

Como lembra Román Raña, “por vez primeira na historia das nosas letras criticábanse os camiños polos que transitaba a literatura galega daquela altura (o ruralismo, a copia fatigante dos tres grandes vultos do Rexurdimento: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Curros Enríquez). A proclama contiña tamén unha diatriba contra os autores galegos que escribían na lingua de Castela (Valle-Inclán en primeiro termo) e contra os que practicaban o malsán deporte do bilingüismo. Con asombrosa lucidez, quizais con xuvenil arrogancia, o rianxeiro rexeitou a imitación das vangardas europeas do momento e, pola contra, reclamou co mesmo ardor a absoluta liberdade creativa para cada escritor”.

comentarios