O mexicano José Adair García Sánchez gaña o XV Premio Internacional Jesús Núñez da Deputación da Coruña

O xurado concedeu dous accésits a Maja Dokudowicz e Jesús Mateos Brea.

Xurado Jesus Nuñez
photo_camera Imaxe do xurado (Foto: Deputación da Coruña)

O mexicano José Adaír García Sánchez coa súa obra 19.040671,98.198711 é o gañador do XV Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña.

Un xurado composto por especialistas de arte como Doroteo Arnáiz, David Barro, Silvia García,  Pedro Galilea e Ana Seoane e presidido polo responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, coa xefa de Servizo de Acción Cultural, Mercedes Fernández-Albalat Ruiz como secretaria escolleu a obra do mexicano José Adaír García entre as oitenta obras presentadas que procedían de quince países distintos.

Á convocatoria concorreron 80 obras dun total de 15 países

Da obra de Adaír García Sánchez, elaborada coa técnica de augaforte, titulada  19.040671,98.198711, foi escollida polo xurado pola ·"súa capacidade para a creación de micro narrativas gráficas, traballando con documentos onde a memoria e a lembranza relaciónanse a través de linguaxes plásticas nunha sorte de arquivo visual".

"Cun uso dun proceso de impresión tradicional, como o augaforte, o gravado convértese nunha extensión dos procesos de arquivo e a imaxe resólvese nun xeito de palimpsesto visual que inclúe  desde comprobantes diarios, fotografías de arquivo, ou a dixitalización de mapas, documentos e fotografías antigas para a posterior manipulación da imaxe nun mapa gráfico de excelentes calidades pictóricas". sinala o xurado no ditame que argumenta a concesión do premio polo que o artista gañador recibirá un total de 6.500 euros .

O xurado decidiu conceder tamén dous accésits a Maja Dokudowicz, pola súa obra Infinite Fragments (VIII) e a Jesús Mateos Brea, por Geochelone radiata, que se beneficiarán dunha Bolsa de Formación nun Curso do Máster sobre obra gráfica que organiza a Fundación CIEC.

Comentarios