Certame literario "Un verán con Castelao"

"Letras entre amigos", por Aldara Rodríguez Rodríguez

IES Aquis Querquernis. Bande.
Monumento á emigración en Vigo. (Foto: Nós Diario)
Monumento á emigración en Vigo. (Foto: Nós Diario)

Benquerido amigo:
Sentado no peirao observo os barcos partir. Rostros desencaixados dos que marchan buscando un futuro mellor e o desacougo dos que quedan cun baleiro no peito. Macutos con pequenos anacos de pan e botas de auga para sobrevivir á longa viaxe. Valixas con toda unha vida dentro. Unhas poucas pezas de roupa e moitas penas ás costas. Peles curtidas de quen traballa de sol a sol. Man de obra barata para levantar economías alleas e identidades rotas. As embarcacións que cambiarán o futuro de moitos e moitas. Petos con panos enchoupados polos ollos chorosos. Moitas dores e esperanzas. Bocexos que indican noites sen durmir. O medo instalado dentro do corpo polo que lles acontecerá no futuro.

Debaixo do brazo levo o meu caderno de pintura. Difícil debuxar cando o sol parece unha candea a piques de esgotarse e a vida unha película a cámara lenta.

Sabes, amigo meu, que ultimamente os meus trazos son sinxelos, rápidos e sen complicación. Liñas rápidas, mínimas e ás veces descoidadas. Concisión e brevidade, eliminando todo o innecesario. Non teño formación como artista e son un auténtico autodidacta. Convencido estou de que a miña obra pode modificar as cousas para ben, con mensaxes claras, universais e alcanzables. Humor e crítica. Con fame de amosar o que os meus ollos ven. Retrincos dun tempo. Desexoso de que todo sexa un soño e que a situación mellore. Quizais se os gobernantes ofreceran mellores condicións e vantaxes a cousa mudase. Pero non. Todo semella que imos a peor! Que máis podo facer?

Lémbrome das nosas longas conversas nas noites de insomnio durante o verán. De cantas veces ti e máis eu falamos da pobreza da xente traballando na terra e no mar. A pescuda de oportunidades fóra, nun lugar que nunca será seu. Malas colleitas, moita fame e fillos aos que custa manter. Uns cada vez máis ricos e outros, pouco a pouco, máis pobres. Os poucos recursos dos fogares dos labregos e a avaricia dos ricos. Desesperación e desexo de mellorar. Abandono do rural para vivir nunha contorna de asfalto e ruído.

Onte escoitei que había compañías navieiras que anunciaban as vantaxes de emigrar

Onte escoitei que había compañías navieiras que anunciaban as vantaxes de emigrar nos xornais, revistas e outros medios de comunicación.  Non lles din nada do que se tarda en percorrer os miles de quilómetros que separan as rías galegas das costas do continente americano. Dos barcos excesivamente cheos, coas mínimas condicións de confort e hixiene, que fan o traxecto pouco doado. Da melancolía, morriña e o estado de ánimo depresivo causado pola nostalxia de abandonar a súa terra. Ai, amigo, cada vez vai sendo máis certo o tópico: “Alí onde vaias atoparás un galego”.

Cada vez son máis as familias divididas e desestruturadas e as terras hipotecadas a cambio dunha pasaxe. Mulleres que semellan viúvas sen selo, coidando soas dos fillos. Casas pechadas e aldeas desertas. Nais que marchan a “servir” e fillos que quedan atendidos polos avós. Seino eu ben! Con razón xa comezo a escoitar que alcuman a Bos Aires coma “a quinta provincia galega”.

Espero que a túa vida sexa ben distinta. Chea de ledicia e benestar como a que tivemos de cativos. Sen preocupacións polo futuro, coma aquel verán no que lle roubamos as mazás ao crego. Verdes e saborosas coma a nosa Galicia. Con valentía e sen medo. Ignorantes dos perigos que supón rubir ás pólas vellas das árbores e as rifas dos nosos pais. Libres e sen ataduras. Fuxindo de quen prefire ver os froitos apodrecer na árbore que no bandullo do pobre. Cantos caciques que amparándose na súa situación social de privilexio exercen a súa autoridade sobre os demais. Burguesía frívola e egocéntrica. Clero ben alimentado e alleo aos problemas da súa parroquia. Que só se dedican a cousas sen importancia, tomando á lixeira asuntos serios.

Algunhas noites escribo. Con retranca e crítica. Denunciando a corrupción que nos arrodea. Escollendo como protagonistas das miñas obras personaxes que poderían representar calquera ser que resida ao noso carón. Analizando circunstancias económicas, políticas e sociais. Cultura popular e tradicións da nosa xente. Visión pintoresca da realidade ligada ao costumismo. Literatura onde non ten cabida o anecdótico e superficial. Pensamentos e identidade galega tan pouco valorada, con estampas que reflicten a vida cotiá da vida rural. Adaptando a miña produción escrita e artística á evolución dos acontecementos históricos. Sen embargo, hai  días que me sinto falto de inspiración e ideas. Por cansazo e impotencia de quen quere e non pode. E aínda hai quen me pregunta que quero conseguir con isto. Que contestar cando non se sabe a resposta? Semella que estas cousas pasan soamente “sempre en Galiza”.

Ai, compañeiro! Preguntas na túa carta por que tomo tan a peito defender os meus ideais. Ti que me coñeces ben, como se foses parte da miña propia alma, xa imaxinas que profunda excitación do ánimo que me causa quen despreza a riqueza de Galiza. Desilusión, mágoa, aflición, pena e pesar. Tristura dos que renegan do seu. Un idioma propio e unha verdadeira nación. Intento de castelanización e negación da lingua natal. Centralismo e intransixencia. Decadencia e sometemento. Territorio diferenciado polo que exércitos loitaron no pasado. Vida económica peculiar e cultura autóctona. Non me queda máis que asumir a responsabilidade de difundir o pensamento que eu considero certo. Que máis facer? Por agora loitar, cunha produción artística que será unha arma de concienciación e identidade deste pobo. Sempre meu. Sempre noso.

E xa toca despedirse, agradecendo de antemán que me escoites e leas. Mostrando gratitude por compartir ideais e respectar as nosas diferenzas sen xulgar. Permanecendo fielmente ao meu carón e aguantando que estando xuntos nos alcumen “os dous de sempre”.

Recibe un cordial saúdo do teu amigo...
Castelao

Comentarios