Certame literario "Un verán con Castelao"

"Leonor", por Aroa Leira Morado

IES Poeta Díaz Castro.
A avoa Leonor díxome: "Aproveita ti, neniña, xa que os vellos non deben de namorarse". (Foto: Clara Xanthina)
A avoa Leonor díxome: "Aproveita ti, neniña, xa que os vellos non deben de namorarse". (Foto: Clara Xanthina)

Hai xa uns cantos anos que me contaron esta historia. Non toda, claro, só anacos soltos, coma eses cadros de Castelao nos que non todo está dito, pero todo está insinuado. Sempre crin que sería irreal ou algo polo estilo.

A verdade é que, durante moito tempo, pensei que era unha desas cousas que inventan os vellos, por entreter, por darlle emoción á vida. Pero agora… agora vexo que hai historias que son realidade. Son silencios perdidos. Son verdades que non se din, pero pesan.

Eu chámome Leonor, como a miña avoa, por capricho do destino, teño unha apariencia física demasiado semellante a ela. Sempre mo dixeron: “Ti es igual a ela. A cara, os ollos, o mesmo xeito de andar”. Eu non lle daba importancia. Pero agora sei que esas coincidencias non son só de apariencia. Hai historias que nos elixen. E ás veces, sen darnos conta, estamos repetindo camiños esquecidos, dando voltas nos mesmos lugares por onde outros xa pasaron antes ca nós.

Un día ía camiñando por un sitio calquera, mirando á nada e pensando en todo. Nin era festa, nin había feira, pero tiña un presentimento de que pasaría algo. E pasou. Un home maior, ben vestido, con ollos que gardaban moito mundo, achegouse a min. Non era da miña idade, non era da miña zona. El miroume abraiado como se me coñecese de sempre, pero eu era a primeira vez que o vía. Faloume con seguridade e ao final da conversa dixo que eu lle soaba coñecida de toda a vida. As súas palabras ían con dobre sentido.

—Ti… perdóame, pero… paréceste moito a alguén que coñecín hai moito tempo.

—Pois non sei —dixen—. Igual pode estar confundido, eu a vostede non o coñezo.

E el quedou calado un instante. Miroume fondo. Como se buscase algo en min, como se eu nos meus ollos tivera algo inusual.

—Non o sei… só sei que me soas de toda a vida.

Aquelas palabras quedaron a dar voltas dentro de min. Como os debuxos de Castelao que, canto máis os miras, máis cousas contan. Aquel home deixoume unha inquedanza que non me soltou.

Era unha dúbida que xa tivera sempre, intentara sacarlle a conversa a miña avoa, pero Leonor sempre conseguía cambiar de tema. Buscara fotos, cartas e cousas polo estilo sempre que ía á casa da avoa. A miña cabeza fixera unha hipótese perfecta. Nunca soubera nada de meu avó, mamá e a avoa sempre me contaron a mesma versión: ese ser masculino abandonaras cando miña nai tiña trece meses.

Non fun capaz de atopar nada, ningunha pista. Só tiña o recordo de cando hai uns anos ao presentarlle o meu primero noivo a avoa Leonor, ela díxome que fose feliz, cunha frase inspiradora: “Aproveita ti neniña, xa que os vellos non deben de namorarse”. Nese momento pensei que sería unha das súas bromas. E se despois de tanto tempo esa frase era unha das miñas escasas e mellores pistas?

Pasaran xa moitos días, pero seguía dando voltas ao tema: e se o meu avó era ese home?

Pasaran xa moitos días, pero seguía dándolle voltas ao tema. E se meu avó era ese home?

Fun de novo á casa da avoa, decidida. E aínda que moitas veces lle tirara da lingua sobre o meu avó, nunca me contara nada novo. Sempre dicía o mesmo: que marchara, que non volveramos saber del. Pero ese día, pregunteille en serio. A avoa notou que iso era importante para min.

—Avoa… quen era o meu avó de verdade? Porque algo non cadra.

Ela pousou a cunca, mirou cara á ventá e quedou calada. Semellaba eses personaxes de Castelao que gardan loitas que nunca se contaron. E por fin falou. Tomou asento e díxome:

—Leonor, o teu avó está vivo. Voltou hai pouco á vila. A miña relación con el foi complicada. Pero non, non foi el quen nos deixou… fun eu quen decidiu ir por outro camiño. Era un home intenso, todo era moito con el: o amor, os celos, a palabra. Non era mala persoa… pero comigo non soubo amar ben. E eu, neniña, tiña só vinte e poucos anos. Coa túa nai nos brazos e unha vida enteira por diante, díxenlle: ou vivo ou afogo. E marchei. Sen odio. Só con ganas de vivir. A túa nai non chegou a lembralo. E el… el fixo a súa vida. Seguro que atopou outra muller, volveu casar e tivo máis fillos. Pero ese capítulo, para min, pechouse hai moito.

Non dixo máis. Pero tampouco fixo falta. Na súa mirada había paz e tamén tristeza. A tristeza de quen escolle a liberdade sabendo que lle vai doer.

Marchei de xunta a avoa, e xa o sabía, seguramente fose ese home, só me quedaba confirmalo, e así fixen. Volvín ao mesmo lugar onde aquel señor me falara por primeira vez. Esperei, observei, non dei sabido nada. Ata que o vin de novo, sentado nun banco, lendo coma se o tempo non pasase por el. Coma se a vida lle permitira volver ao lugar onde empezara todo. Senteime ao seu carón, sen dicir palabra. El miroume, sorriu, e daquela non dubidei máis cal era a miña orixe.

—Sabía que volverías —dixo, coa voz dun que leva décadas gardando silencios.

—Quen es ti? —preguntei, aínda que xa o sabía.

A súa mirada humedecida respondeu por el antes de que o fixera en voz alta:

—Son quen debera ter estado, pero non estiven. Non souben como. E cando quixen, xa era tarde.

Ficamos alí un intre, no medio do balbordo da xente e do ruxir do vento. Non houbo desculpas, nin reproches. Só un silencio cheo de todo. Porque hai encontros que non buscan arranxar nada, só pechar círculos. Deixalo todo no seu sitio, como fan os vellos cando varren o portal: que quede limpo, por se vén alguén.

Eramos só dúas almas que se recoñecían tarde, pero a tempo de entender algo.

Cando me erguín para marchar, díxome baixiño:

—Levas o seu nome… pero tamén o seu valor.

Aquela foi a segunda e última vez que o vin. Non fixo falta máis. A historia xa estaba contada, por fin enteira.

E prometo que esta historia, agora que é miña, tampouco se vai perder. Por todos os silencios que se arrastraron sen que ninguén os nomease.

Comentarios