Laura Villar leva a Madrid 'Diáspora', deseño galego baseado na tradición
A admiración polo deseño galego traspasa fronteiras, e unha boa mostra disto é a colección titulada 'Diáspora', da guitiricense Laura Villar Lourenzo, alumna da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela. Esta foi unha das seis propostas escollidas a nivel estatal para participar no Mes do Deseño Emerxente en Madrid –até o vindeiro día 29–. A iniciativa parte do Museo do Traxe e conta cos principais centros de formación en deseño téxtil. As propostas presentadas tiñan que ter en común unha investigación centrada na Exposición do Traxe Rexional de 1925, unha mostra realizada daquela no Palacio de Bibliotecas e Museos de Madrid.
Mais non é a primeira vez que poñen os seus ollos sobre a Escola Mestre Mateo neste evento ao que acoden, na súa maior parte, todas as academias privadas de sona. Sandra García, profesora de Deseño de Moda e responsábel de presentar a proposta galega, explica a Nós Diario que apostaron por Laura Villar por ter realizado unha "reinterpretación do traxe galego" que coincidía coa idea do Museo do Traxe. Con todo, a colección galega sorprendeu por non cinguirse ao aspecto "folclórico" e tratar a súa obra "investigando como vestía a xente da época". Desde o propio lugar da mostra, García indica que presentaron tres estilismos, dous femininos e un masculino "acompañados de algo que interesa moito: o libro de bosquexos de como comezou a idea cos primeiros debuxos".
Loito, emigración e lingua, a súa inspiración
Na súa obra, asegura Laura Villar a Nós Diario, sempre está presente Galiza, así como a súa historia, "como inspiración". Cando pensou nesta nova colección quixo "darlle unha volta" á vestimenta tradicional fuxindo dos tópicos que a adoitan acompañar. "Gustáronme moito as fotografías que realizou no seu momento Ruth Matilda Anderson, nelas chamoume moito a atención o loito e a cor negra", afirma. Esa foi a idea de partida para rematar falando da emigración. "Descubrín que había dous tipos de loito, un que era polos vivos que marcharon á emigración e despois outro polos falecidos", sostén.
Para realizar o seu deseño, Laura Villar empregou parte da estrutura de vestimenta tradicional, como son os panos ou os dengues. Tamén tivo en conta os tecidos máis empregados, como neste caso é liño.
Na cromática optou, como non, polo negro e engadiu detalles significativos e moi simbólicos para ela. "No corsé, unha das prendas máis especiais por significar a opresión, quixen tratar a nosa literatura e neste caso coloquei bordado o poema de Adiós Ríos, Adiós Fontes de Rosalía de Castro", aclara. As verbas da poeta tamén lle serviron para "reivindicar o que é o noso idioma" e aprender "a valorar máis o noso contra a idea do auto-odio de pensar máis no que é de fóra".
Empregou, tamén, outra clara referencia ao deseño do país: o encaixe. "Non podía faltar mais, neste caso, tinguido tamén de negro", apunta. Para rematar, colocou aos pés dos tres estilismos unha maleta dous zocos de Elena Ferro, un calzado que, asegura, "non pode faltar en case ningunha das miñas coleccións".
Con esta mostra, Laura Villar entra na escena do deseño téxtil coa mensaxe de que "Galiza se está quedando orfa por todas as persoas que buscan un futuro fóra, a través da emigración".