'Confín dos verdes castros e valeroso clan!'

José María Eguileta: “A Gallaecia formaba parte de rutas de intercambio de longa distancia entre pobos mediterráneos e da zona atlántica europea”

O arqueólogo municipal do Concello de Ourense, José María Eguileta, achéganos a Castromao, nas Terras de Celanova. Unha nova entrega do coleccionábel ‘Confín dos verdes castros e valeroso clan!’.

Jose-Maria-Eguileta foto museo da limia
photo_camera J.M. Eguileta (Foto: Museo da Limia)

En relación ao estudo que presenta sobre Castromao indica que as vivendas máis antigas son de planta circular ou rectangulares coa esquina redondeada e as de esquina cadrada xa son despois da conquista romana. Tense indicado que até a chegada dos romanos os castrexos non sabían facer as casas en ángulo. É certo ou simplemente é un mito? Tiña que ver a forma máis primitiva coa suposta forma das cabanas vexetais previas? Tiña esta forma inicialmente redondeada algunha funcionalidade específica, por exemplo en relación a diminuír a resistencia ao vento?

As estruturas de planta circular, que non todas se utilizaban como vivenda, son froito dunha tradición construtiva que funde as súa raíces en etapas anteriores. A cultura castrexa non emerxe espontaneamente, se non que debemos vela como a evolución cultural das comunidades de Idade do Bronce que habitaban a Gallaecia nun momento en que noroeste da península hispánica tiña un importante protagonismo na produción e distribución de obxectos de bronce.

Será nunha fase consolidada da cultura castrexa e da Idade do Ferro, por volta dos ss. V/IV a.C. cando se “petrifica” a arquitectura doméstica, dando paso das cabanas feitas con material vexetal e barro ás de pedra. E fano seguindo a tradición anterior, con estruturas fundamentalmente circulares. Efectivamente, cremos que aí radica a forma circular, que se estende por outras zonas do occidente europeo.

Ter  atopado en Castromao materiais cerámicos, metálicos e líticos fainos pensar que este castro tiña unha especialización determinada en relación a outros da súa contorna? Podería indicar unha maior estratificación social? As pezas de cerámica doutros lugares atopadas confirmarían un ciclo comercial máis intenso do que puidera pensarse nun principio?

Aínda que debemos pensar que eran grupos bastante autárquicos, como corresponde ás sociedades sen estado, os castrexos non se organizaban en comunidades illadas, de tipo segmentario.

A cultura castrexa non emerxe espontaneamente, se non que debemos vela como a evolución cultural das comunidades de Idade do Bronce que habitaban a Gallaecia

Existía unha estratificación social que se inicia e se vai consolidando na Idade do Cobre (Calcolítico). De feito os intercambios comerciais están presentes dende etapas moito máis antigas, tal e como deducimos de obxectos arqueolóxicos exóticos moito máis antigos, xa no Calcolítico e mesmo no Neolítico.

A Gallaecia formaba parte de rutas de intercambio de longa distancia entre pobos mediterráneos e da zona atlántica europea

A raíz do descubrimento dos alicerces dunha ermida medieval, xúrdenos a reflexión de como interpretarían os habitantes do medievo os restos arqueolóxicos dos castros, isto é, as construcións que estaban diseminadas nos outeiros. Poden vir de aí -de buscarlle unha explicación- a orixe de moitas lendas que se fraguan en torno a estes poboamentos?

As lendas que crea e mantén a tradición popular buscan explicacións para estes asentamentos do pasado que se perderon na memoria. Se Castromao, por poñer un exemplo, se abandona no s. II d.C., é moi difícil que despois de varios séculos aquelas xentes do castro permaneceran na memoria das poboacións que continuaron habitando o territorio.

Debemos ter en conta que a idea de Historia é un concepto ilustrado. A cultura popular busca explicacións a fenómenos descoñecidos, neste caso un asentamento con orixe prehistórica, nesas lendas, que ofrecen relatos alternativos sobre lugares habitados que non están ao alcance da memoria colectiva. E se tales sitios puideran ser mentalmente perigosos ou relixiosamente inadecuados para a sociedade, poden "conxurarse" por medio dun elemento ou construción de carácter relixioso.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.


 

Comentarios