O jazz volve a Moaña

Esta noite comeza a primeira sesión no Arboredo da Xunqueira de Moaña.
Víctor Chao, Sara Gimeno, Antón Noche e Adán Rodal na presentación do festival o pasado sábado. (Foto: Diego Seixo)
Víctor Chao, Sara Gimeno, Antón Noche e Adán Rodal na presentación do festival o pasado sábado. (Foto: Diego Seixo)

O Morrazo acolle hoxe a IX edición do Festival Jazz de Moaña. Os encargados de abrir o evento, que durará até mañá, son Javier Marcos Trío. Trátase dunha das principais voces de jazz da Galiza e estará en compañía de Felipe Villar á guitarra e José Manuel Díaz ao contrabaixo. Ségueo a Orquestra Galega de Liberación, que subirá ao escenario ás 22.30 horas. Algúns integrantes desta formación acompañaron a Agrupación Musical Airiños do Morrazo na actuación que a semana pasada realizaron no marco da presentación do festival.  O evento está organizado pola Asociación de Jazz de Moaña en colaboración co Concello. Nesa rolda de prensa de presentación tamén actuou tamén Sara Gimeno.

Hoxe, o Arboredo da Xunqueira de Moaña contará coa Orquestra Galega de Liberación  ao completo, composta por unha comunidade de artistas residentes na Galiza en torno á arte da vangarda e a experimentación musical.

O sábado, o espectáculo comeza ao mediodía, cunha sesión vermú programada para as 12.30 horas a cargo de La Yuca, banda cubano-galega que aposta pola mestura de ritmos funk e fusión latina. Mañá a noite comezará con Nuno Ferreira Quartet co guitarrista e compositor acompañado de João Mortágua ao saxofón, João Hasselberg ao contrabaixo e Joel Silva á batería. 

Finalmente, porá o ramo ao festival Yago Vázquez Trío, con Pablo Menares ao contrabaixo e Rodrigo Recabarren á batería, en compañía do propio Vázquez, pianista vigués que recibiu o Premio Martin Codax da Música ao mellor artista de jazz en 2018. 

Ambas as sesións terán lugar no Arboredo da Xunqueira e irán seguidas dunha Jam Session para rematar a noite.

Comentarios