O bailarín e coreógrafo presenta 'Figuras do limiar' na Coruña

Javier Martín danza contra a aceleración tecnolóxica do mundo contemporáneo

En 'Figuras do limiar', Javier Martín inspírase no arquetipo do “gardián do limiar” para recuperar discursos tecnolóxicos esquecidos que nos permitan relacionarnos coa comunidade e co territorio dunha forma máis plural.
Unha escena de 'Figuras do Limiar', de Javier Martín. (Foto: Leo López)
photo_camera Unha escena de 'Figuras do Limiar', de Javier Martín. (Foto: Leo López)

Explorar as tensións entre o devir contemporáneo e as artes tradicionais. Esa era a inquietude que ocupaba o pensamento Javier Martín cando comezou a proxectar Figuras do limiar, o espectáculo que presenta o vindeiro día 16 de setembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. 

"Cando unha tradición devén estática ou dá lugar a unha estética fechada, perde o seu potencial. Se os asuntos da tradición non cambian poden acabar transformándose nun elemento mortuorio, mesmo reaccionario", explica o bailarín e coreógrafo. "Levaba tempo dándolle volta a este asunto e, no momento en que o Centro Coreográfico Galego (CCG), cando estaba sen dirección, convocou axudas para espectáculos, pensei que o tema era ideal para levar a cabo nese marco: se ten que ser a nosa casa da danza, debe ser tamén o lugar onde se reflexione sobre ela". 

 

Martín partiu da figura do Gardián do Limiar, o que, segundo os antropólogos, permite ou non o paso do protagonista da historia a outro estadio da aventura, da existencia. "Tiña a lembranza de O proceso de Kafka, que resume moi ben o caudal simbólico desta figura. Dicía Derrida que os fantasmas existen porque os levamos dentro e a min iso interesábame para traballar sobre unha serie de pulsións que moitas veces non son recoñecidas e que deixan ver un eu plural que non somos quen de articular na construción da nosa identidade. Pensando en que personaxes do noso imaxinario poderían adscribirse a este patrón, apareceron a Santa Compaña e, logo, esas figuras do Entroido como os peliqueiros, as pantallas, o felo... e un montón doutros monstros que conforman moitos dos nosos ritos celebratorios e nos que fun atopando elementos que conectaban directamente con ese arquetipo do Gardián do Limiar". 

Na súa investigación, Martín descubriu que estas figuras portan "tecnoloxías da psique" dos pobos e quixo ir un paso máis alá para pescudar "que está a facer a tecnoloxía connosco". "Nun afondar no arcaico, decateime de que non existe un único relato para o devir tecnolóxico, que este é plural. A tecnoloxía é un medio de relacionarnos con nós mesmos, coa comunidade e co territorio. Nos artefactos que empregamos están inscritos os nosos xestos. A través dos personaxes que bailo neste espectáculo, trato de que exista unha reconciliación con eses outros relatos tecnolóxicos que permitan unha cosmovisión máis plural, menos totalizadora". 

Javier Martín relaciona ese abandono dos usos tradicionais cunha conciencia de desaparición que dá lugar á aceleración capitalista que converte en insalvábel a distancia entre a escala humana e a dos acontecementos tecnolóxicos. "En relación coa danza, creo que a realidade tecnolóxica constrúe distintos tempos e velocidades que se van inscribindo na nosa carne en forma de reaccións ao que acontece. Xestos dos que non participamos criticamente. E eu estou especialmente interesado en investigar en como a inercia se acumula nos nosos corpos para desvelar un patrón moi tecnificado e triturador da subxectividade. Os usos do corpo están moi regrados e precisamos que sexan máis plurais para sortear ou darlle a volta a moitas das cousas que nos suceden. Ás veces, conceptualizar todo isto é moi difícil, pero falando desde o corpo resulta moito máis doado". 

Éxitos da danza galega malia a falta de apoio 

Javier Martín lembra o contraste entre os éxitos da danza galega a nivel estatal e internacional e a falta de apoio institucional que recibe. "Estamos a vivir o enésimo capítulo na deriva do CCG, que confirma a falta de aposta política en favor da danza. E estou falando dun concurso para a dirección do centro que permitía que se presentase xente sen relación ningunha coa danza. A persoa que gañou o concurso, Pilar Portela, está xusto nese caso". 

Comentarios