Ismael Ramos recolle o premio Lueiro Rey

O poeta, profesor e columnista Ismael Ramos fíxose co Premio de Xornalismo Lueiro Rey pola elección unánime do xurado, formado por Ramón Nicolás, Carme Vidal, Ramón Rozas e Carmen Carreiro.

PREMIO LUEIRO REY
photo_camera Ismael Ramos no medio da imaxe, no acto en Fornelos.

O xurado da V edición do Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey, do Concello de Fornelos de Montes, escolleu o artigo Mentres tanto dáme a man do poeta, profesor e columnista Ismael Ramos como a obra merecedora do galardón este 2022.

O texto, publicado por Nós Diario tanto en formato dixital como en papel, incide dunha maneira literaria e en primeira persoa no problema da violencia que se exerce na actualidade contra o colectivo LGTB. 

Ramos recolleu onte o premio en Fornelos, agradecendo a confianza do xurado e parabenizando o concello por esta iniciativa. Nunha entrevista en Nós Diario publicada estes días, Ramos apuntaba que o texto premiado "é un texto vivencial. Cando un traballa con ese material é case imposíbel que non entre en xogo esa matiz literaria ou esa maneira de querer contar as cousas. Ao procurar contar algo acaba por entrar en xogo esa idea de crear unha historia e un determinado ambiente. Para min o máis importante é esa parte vivencial, o que hai da vida no texto".

A deputada de Lingua María Ortega reivindicou o uso xeral do galego nos medios na entrega do V Premio Lueiro Rey de Xornalismo e quixo subliñar a necesidade de que a lingua do país aborde tódalas temáticas e non só as relacionadas co propio idioma ou a cultura. Así mesmo, destacou a calidade literaria do texto do gañador da quinta edición, Ismael Ramos, e tamén da súa “soberbia” intervención de agradecemento no acto de hoxe relatando vivencias persoais, da que asegurou que, despois de escoitala, “só cabe o silencio para que as súas palabras resoen nas nosas cabezas”

Comentarios