'Inverno', unha obra de teatro interactiva que dura 24 horas
O grupo de teatro experimental Oístes? Teatro, con base en Compostela, estrea este sábado ás 19 horas unha obra interactiva, 'Inverno', que durará 24 horas.
O evento poderá seguirse a través da plataforma Zoom e ficará en liña de modo continuado até o seu remate.
'Inverno', segundo a compañía teatral, "recrea unha festa invernal típica, chea de comida, danza, xogos, narración oral e máis, nun estilo hiperrealista inspirado pola cultura de retransmisións en directo nas redes sociais".
O obxectivo desta peza teatral é "crear unha experiencia única e íntima para o seu público".
"Este inverno está a ser difícil para todo o mundo, así que queriamos crear un ambiente festivo e acolledor onde a xente podía sentirse coma na casa e conectar con outras persoas, mentres exploraban outro estilo de teatro en liña", di Tyler McKechnie, director e fundador deste grupo teatral plurilingüe.
A compañía xa montou seis pezas orixinais en galego e outros idiomas desde a súa creación en 2018.
Para acceder é preciso inscribirse previamente premendo nesta ligazón. As entradas son de balde, mais as organizadoras apuntan que "o público terá a oportunidade de colaborar economicamente coa compañía ao longo da peza".