En 'De Gres a Cádiz' repasa os seus primeiros vinte anos

Neira Vilas: iniciación á vida

“Currunchu orixinario. Aldea amada. Aquí comezou a desenvolverse o nobelo do meu existir. Aquí vin a miña primeira luz, tatexei as primeiras falas, boteime a camiñar”. Así abre Xosé Neira Vilas De Gres a Cádiz, o libro póstumo en que regresa aos seus primeiros vinte anos sobre a terra.
 

neira vilas na estrada
photo_camera Xosé Neira Vilas na Estrada en 2010. Foto: Instituto Manuel García Barros da Estrada.

A orixe, publicado por Galaxia, coñécea ben a profesora Dolores Vilavedra. E relátaa no interesante limiar Neira Vilas. Unha vida para contar. “[Estas páxinas] son o froito serodio -pero non por iso menos logrado- dun vello proxecto xurdido a tres bandas, nun xa distante 1989”, escribe.

Víctor Freixanes, daquela director de Edicións Xerais, propuxera a Vilavedra confeccionar un volume de conversas co autor de Memorias dun neno labrego (1961). Mais as innúmeras tarefas de Neira Vilas (Gres, 1928-2015), que entre 1972 -cando volve a Galiza por primeira vez desde o 49- e 1992 -cando se instala definitivamente-, provocaron o esmorecemento da iniciativa. Nin sequera a posibilidade de realizalo vía postal -a entrevistadora enviaba os cuestionarios a Cuba e o escritor gravaba as respostas- conseguiron reactivalo. Con todo, “a semente estaba posta”.

De-Gres-a-Cadiz

“Cando Luís Reimóndez e a Fundación Neira Vilas puxeron nas miñas mans o orixinal deste De Gres a Cádiz, decateime de que Pepe [hipocorístico do autor] non esquecera nunca aquel vello proxecto”, explica Vilavedra, “que nacera do entusiasmo xuvenil e da máis fonda admiración cara a el, mais tamén da convicción de que a súa era unha vida para contar, e que seguramente non había unha voz mellor ca súa para facelo”.

As case un cento de estampas do libro, cun pé nas Cousas de Castelao e outro no “memorialismo fragmentario do seu admirado Eduardo Galeano” detéñense en Cádiz, cando Neira Vilas acaba de facer 20 anos e embárcase en dirección a América. “Comezaba a aventura baixo o emblemático daquel barco [Cabo de Buena Esperanza]. Pouco a pouco fómonos afastando do peirao nesa orela sureña dunha europa desgastada pola guerra e inzada de xenreiras. Era o 22 de xaneiro de 1949”, conclúe.

Talvez toda a obra de Neira Vilas sexa unha investigación sobre a memoria. Aínda refractario a certas interpretacións biografistas dalgunhas das súas pezas máis celebradas -en especial do Ciclo do neno-, a súa existencia aluma a súa escrita. Tanto ten, indica Dolores Vilavedra, que se trate dos tramos experimentais -Remuíño de vida (1973)- ou dos líricos -Lar, Pan e Nai (1973-1986). E, desde o seu retorno a Galiza, foi aos poucos conformando “un dos corpus memorialísticos máis notables da nosa cultura”.

Del fai parte De Gres a Cádiz, finalmente redactado entre xaneiro de 1996 e abril de 1997. “Trátase dun exercicio entrañable da nostalxia”, afirma Neira Vilas nun pórtico de título Xuntando anacos, “apelo ós recordos para revelar, ó meu xeito, a Galicia aldeá de varias décadas atrás”. A educación sentimental e a historia, a paisaxe da infancia e a apertura aos outros mundos, a poesía en prosa e o cadro descritivo, o individuo e a colectividade, o río e o océano: avanza a forza de tensións avanza.

Publicado postumamente “porque el así o quixo”, para Dolores Vilavedra De Gres a Cádiz dá a posibilidade “de reconstruír as etepas fundamentais da formación sentimental do ser humano Xosé Neira Vilas” e de que o lector e a lectora “se recoñezan nelas”. “Había máis temas, ía seguir”, confesa o autor no epílogo, “pero isto pódese cortar por onde se queira, non ten cronoloxía nin nada diso. Salvo que comeza co meu nacemento e remata co embarque en Cádiz, é dicir, algo achégase, procura certa orde”.

Comentarios