As imaxes do Ksado e as lecturas sociais que esconden

Un momento da inauguración da mostra esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
A mostra, que inclúe a colección gañadora do premio de fotografía e as seis finalistas, estará até o 14 de novembro no Museo do Pobo Galego. O leonés José Manuel López Pérez asina o conxunto de imaxes que resultou gañador "Atrapados ás portas de Europa", que fala das refuxiadas nas montañas de Bosnia.

As históricas estancias do Museo do Pobo Galego envolven desde esta quinta feira as coleccións gañadora e finalistas da última edición do Premio Luís Ksado de fotografía. A inauguración da exposición, que permanecerá aberta ao público até o 14 de novembro, implica o achegamento de fotografías de autor, que van máis alá da simple imaxe, que invitan a unha reflexión ao fío da historia que contan ao común da cidadanía. 

O leonés José Manuel López Pérez obtivo, co seu equipo audiovisual, a colección que resultou gañadora "Atrapados ás portas de Europa". O xurado destacou este compendio de imaxes entre as demais polo relato visual que se crea sobre “a viaxe das persoas refuxiadas a través das montañas de Bosnia”.  

Ademais, forman parte da exposición as seis coleccións finalistas fornecidas polo ollo clínico de Brais Lorenzo, Javier Atienza, Clemente Bernard, Jesús Caballero, Miguel Gómez Muñiz e Jesús Madriñan. En "Tempos de Pandemia", Lorenzo analiza o momento histórico provocado pola crise sanitaria actual e Atienza escolleu falar do exilio do pobo saharauí a través de "Horizonte de Area". 

Pola súa banda, á convocatoria da Deputación Clemente Bernard achegou "Morrer de soños", un relato visual sobre as persoas desaparecidas na represión. Jesús Caballero postulouse ao recoñecemento coa colección sobre paisaxes en decadencia e abandono

"Estrada descoñecida" e en "Segunda pel" Miguel Gómez Muñiz forneceu unha serie de retratos que vinculan o ámbito profesional e privado das mariscadoras. 

Por último, en "A esmorga" Jesús Madriñán quixo dar visibilidade ao universo da mocidade de festa na madrugada. 

Após a inauguración por parte do presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi; o responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; e o comisario do premio de Creación Fotográfica, Xurxo Lobato, as portas reais e figuradas quedaron abertas para descubrir a arte que achou acubillo na XV edición do Luís Ksado.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, afirmou: “As fotografías que podemos ver aquí non só narran cada unha un relato propio, senón que tamén son imaxes que conmoven, que inspiran, que promoven a reflexión e que nos permiten coñecer e recoñecérmonos no mundo". O deputado tamén fixo referencia a que o conxunto das coleccións "compoñen un acervo documental que, a bo seguro, está chamado a formar parte da memoria colectiva do futuro".